Martes. 07.05.2024
El tiempo

ALANAT: O Plan Estratéxico Ambiental Municipal da Laracha

ZOna do Parque Empresarial
As brigadas municipais traballando na área verde anexa ao parque empresarial
ALANAT: O Plan Estratéxico Ambiental Municipal da Laracha

Interesante a iniciativa do Concello da Laracha en colaboración coa Fundación Galicia Sustentable. O Concello trata de crear, de xeito colaboractivo coa veciñanza, un Plan Estratéxico Ambiental Municipal da Laracha. Baixo a denominación Alanat, pretende destacar os valores ambientais do termo municipal para que “a sociedade larachesa coñeza, se sinta orgullosa e axude a identificar e conservar os valores ambientais presentes no concello”.

“Alanat propón o desenvolvemento de intervencións mediante unha metodoloxía mixta que combine a participación cidadá e de expertos”, explican dende o Concello. Conceptos como biodiversidade, liña de costa, sendeiros, camiños, corredores ecolóxicos, espazos de valores ecosistémicos, áreas de alto potencial agrarario, zonas forestais, leitos fluviais, zonas húmidas, lugares de interese paisaxístico, etc. serán por fin protagonistas.

Primeira actuación, no polígono

A primeira actuación piloto de Alanat levarase a cabo na área verde do parque empresarial. Entre as accións previstas está a mellora sobre os seus camiños interiores (drenaxe, accesibilidade, mobiliario integrado, sinalización e creación de zonas de transición entre os diferentes entornos) que favorezan o uso e desfrute pola cidadanía.
Tamén se traballará sobre a calidade ambiental, recuperando especies autóctonas, repoboando ecosistemas de ribeira, habilitando espazos de biodiversidade e levando a cabo intervencións de restauración ecolóxica. Ademais, definiranse zonas de estancia para persoas que sexan compatibles cos valores ambientais que se queren protexer, habilitarase unha aula de interpretación para realizar actividades educativas e será integrado no perímetro un espazo de horta urbana didáctico. Tamén serán instalados paneis informativos e sistemas de vixilancia ambiental que recompilen datos sobre o microclima do espazo.

Comentarios