Avalían a construción dunha nova EDAR en Caión

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Laracha, José Manuel López, avaliaron onte o proxecto municipal para construír unha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) en Caión e a folla de ruta para tramitar a súa redacción.
O rexedor explicou que esta actuación é necesaria para substituír o pretratamento actual por unha nova depuradora noutra localización. A futura infraestrutura, cuxo orzamento inicial se estima en máis de 2 millóns de euros, ademais de á veciñanza de Caión, tamén podería dar servizo ao núcleo de Xermaña.
A maiores, no encontro tamén avaliaron outras iniciativas en materia de augas como, por exemplo, a mellora da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Paiosaco.
Ángeles Vázquez explicoulle ao alcalde que o persoal de Augas de Galicia está a revisar os proxectos remitidos polo Concello e, unha vez analizados, estudarase a posibilidade de establecer vías de colaboración para acometelos.
Nesa liña, a conselleira reiterou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.