O Concello da Laracha dalle o pulo definitivo á modernización administrativa municipal

Como xa aconteceu no Concello de Malpica, o proxecto Concello Dixital da Deputación da Coruña continúa facilitando o proceso de transformación dixital e modernización administrativa nos municipios da comarca.
O último en convertirse en #ConcelloDixital é o Concello de Laracha despois de 3 meses de procedemento. O remate das actuacións planificadas materializábase hai uns días na presentación realizada polo equipo da deputación coruñesa ás empregadas e empregados públicos que participaron na interlocución desde o concello durante a execución do proxecto. A sesión de traballo aconteceu na sede municipal, e contou coa asistencia dunha representación dos seus cargos electos.
A folla de ruta da Laracha péchase cun total de 39 actuacións executadas en eidos clave do plan como son: Persoas e Infraestrutura Tecnolóxica; Cultura e Organización, Procesos Áxiles e Dixitalizados, e Atención a Cidadanía. Case a totalidade das accións formuladas para a entidade foron executadas, e dúas seguen aínda en proceso de execución.
A fotografía da realidade administrativa actual da Laracha amosa varios avances importantes:
- A mellora dos tempos de primeira resposta,
- Un aumento do uso dos procedementos electrónicos,
- A evolución positiva do catálogo de integracións con outras administracións na plataforma de tramitación electrónica TEDeC. Isto último facilita a aplicación do principio “só unha vez” que ten por obxecto a supresión da carga administrativa innecesaria que se produce cando os usuarios deben subministrar a mesma información máis dunha vez ás administracións públicas.
Pola súa banda, a cidadanía da Laracha xa ten ao seu dispor a Oficina de Rexistro Cl@ve municipal, onde obter as credenciais dixitais para acceder aos sitios electrónicos das Administracións Públicas, como é a propia Sede Electrónica Municipal do seu concello.