O Concello da Laracha participa nun proxecto europeo sobre Acción Climática Local
O Concello da Laracha participa estes días segundo encontro do proxecto GREENgaged Citizens: European Network for Local Climate Action (Cidadáns comprometidos coa Acción Climática Local) que se celebra nestes días en Santiago de Compostela.
Liderado polo municipio luso de Pinhel, participan nesta iniciativa representantes de trece países da Unión Europea (España, Portugal, Italia, Francia, Malta, Grecia, Eslovaquia, Eslovenia, Hungría, Países Baixos, Bulgaria, Lituania e Letonia).
O evento que ten lugar en Santiago de Compostela está dedicado a afondar na relevancia do patrimonio cultural europeo e as consecuencias que pode provocar nel o cambio climático, así como á promoción do turismo sustentable nunha cidade declarada Patrimonio da Humanidade. As conferencias céntranse en asuntos como as boas prácticas e estratexias na promoción turísticas que sexan sustentables e respectuosas co medio ambiente e o Camiño de Santiago como un exemplo de turismo sustentable.
Entre as autoridades presentes no evento están Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia, Ildefonso de la Campa, director da sociedade de xestión do Plan Xacobeo, e Xosé Manuel Santos, profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Os participantes tamén foron recibidos no Parlamento de Galicia polo seu presidente, Miguel Ángel Santalices.
O programa, que pretende sensibilizar á opinión pública sobre os valores da protección ambiental, a democracia, a participación activa, a solidariedade e a cooperación, está financiado pola Comisión Europea a través do programa Cidadáns, Igualdade, Dereitos e Valores (CERV).