sábado. 01.08.2026
El tiempo

A Galería Mulleres descúbrenos á primeira muller en orbitar a Lúa

Seguimos percorrendo a historia en clave feminina, da man Viki Rivadulla e a través da Galería Mulleres da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía.
Hoxe visitamos ata os EEU, para coñecer a primeira muller en orbitar a Lúa, e tamén a primeira que máis lonxe estivo do noso planeta.  
CHRISTINA KOCH na Galeria Mulleres
A Galería Mulleres descúbrenos á primeira muller en orbitar a Lúa

Christina Koch (Michigan, 1979). Enxeñeira eléctrica e física, e astronauta. Voou á Estación Espacial Internacional en 2019–2020 como parte de varias expedicións, realizou as primeiras camiñadas espaciais exclusivamente femininas e estableceu a marca do voo espacial máis longo dunha muller.

Graduouse pola Facultade de Ciencias e Matemáticas de Carolina do Norte en 1997, e matriculouse na Universidade Estatal de Carolina do Norte en Raleigh, onde obtivo dúas licenciaturas en Ciencias en Enxeñería Eléctrica (2001) e Física (2002), e realizou un mestrado en enxeñería eléctrica no 2002. Ten experiencia tanto no desenvolvemento de instrumentos de ciencia espacial como na enxeñería de campo. Traballou como Enxeñeira eléctrica no Laboratorio de Astrofísica de Alta Enerxía da NASA, o Goddard Space Flight Center, onde contribuíu con instrumentos científicos en varias misións da NASA. 

Foi investigadora asociada no Programa Antártico dos Estados Unidos desde 2004 ata 2007. Completou unha tempada de inverno na estación Admunsen- Scott South Pole e unha tempada na estación Palmer. Mentres estivo na Antártida, foi membro dos equipos de loita contra incendios e dos equipos de procura e rescate de Ocean Glacier. Regresou ao desenvolvemento de instrumentos de ciencia espacial como enxeñeira eléctrica no Departamento Espacial do Laboratorio de Física Aplicada da Universidade John Hopkins, e contribuíu aos instrumentos que estudan as partículas de radiación para as misións da NASA, traballando no desenvolvemento de instrumentos para a ciencia espacial. 

En 2013, Christina foi seleccionada como astronauta da NASA, completando o seu adestramento dous anos máis tarde. En 2019, xunto a Jesica Meir, fixo a primeira camiñada espacial exclusivamente feminina e máis tarde logrou un novo fito ao transformarse na muller que máis tempo estivo no espazo, completando 328 días na Estación Espacial Internacional.  

En abril de 2026, durante dez días, catro astronautas reescribiron a historia cunha tripulación pioneira que incluíu á primeira muller en orbitar o satélite natural: Christina Koch. O 1 de abril de 2026, despegou na misión Artemis II, converténdose na primeira muller en viaxar máis aló da órbita baixa terrestre e a primeira muller en dar a volta á Lúa. Tamén é, xunto cos demais membros da tripulación de Artemis II, un dos catro humanos que viaxaron máis lonxe da Terra. Ten un palmarés de premios e recoñecementos moi extenso e de logros moi valiosos para a ciencia. 

“Unha foto inspiroume a ser astronauta…O feito de que había un humano detrás da lente doulle máis profundidade a esta foto e cambiou o xeito en que pensabamos acerca do noso propio planeta”

16 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.


 

Comentarios