luns. 22.06.2026
El tiempo

O Mosteiro de Soandres, epicentro da loita contra a planta de biogás de Soandres

  • A creación dunha asociación veciñal, ecoloxista e cultural foi unha das novidades que se explicaron.
Asemblea Stop Biogas Laracha
Cheo no Mosteiro de Soandres
O Mosteiro de Soandres, epicentro da loita contra a planta de biogás de Soandres

Singular imaxe a vivida este domingo 21 de xuño no Mosteiro de Soandres. A Plataforma Stop Biogás A Laracha convoca unha reunión informativa coa veciñanza para explicar as vindeiras accións colectivas contra o proxecto da macroplanta de biogás. Nin a intensa calor nin o partido da selección española evitou que uns 200 veciños acudirán este domingo ás 17:30h á asemblea aberta.

Á reunión tamén asistiron representantes políticos de diversos partidos, así como da Plataforma Biometano Deza. Entre as novidades está a creación dunha asociación veciñal, ecoloxista e cultural, denominada Terra de Soandres, en resposta, afirman: “á necesidade dunha maior estrutura formal e legal nas actividades e accións a realizar, e para persoarse no proceso administrativo e xurídico do proxecto do biogás en Soandres.

”Esta asociación, aberta a calquera veciño/a que queira participar, conta xa cun correo electrónico propio e proximamente con redes sociais propias e en breve tamén de forma presencia, algún día fixo á semana, na Escola Unitaria da Revoltiña, na propia parroquia de Soandres.

As seguintes actividades comezan esta mesma semana, con reunións co Concello da Laracha e co Grupo Parlamentario do Partido Popular en Santiago de Compostela, en vistas a xuntarse en breve coa Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, da que depende a tramitación deste proxecto.

Esta mesma semana, vaise participar cun posto informativo no encontro Dexo Terra Viva que se celebrará en Dexo (Oleiros) o sábado 27 e domingo 28, no que se debaterán e compartirán diversas problemáticas que afectan ao territorio galego e no que haberá tamén obradoiros e actividades culturais.

Nas seguintes semanas están planeadas máis actividades como faladoiros, rutas de sendeirismo e incluso se plantexan un evento cultural público, con mesas redondas, concertos… no que ademais de reivindicar e seguir difundindo os perigos deste proxecto, se poidan recaudar fondos para a causa e seguir creando comunidade entre a veciñanza afectada.

Máis novas da loita

Comentarios