xoves. 18.12.2025
El tiempo

Denuncian a aparición de porcos mortos nun regato de Coiro

2025.12.18.- Porcos mortos en Coiro (2)
Denuncian a aparición de porcos mortos nun regato de Coiro

O Concello da Laracha tivo que retirar esta mañá media ducia de porcos mortos que apareceron nun regato na parroquia de Coiro. Foi un particular quen alertou da presenza de varios cadáveres de animais no leito do regato situado á altura da ponte no cruce de Ramisquido da estrada local que comunica Paiosaco coa AC-523. Unha vez recibida esa comunicación, persoal municipal desprazouse ao lugar para facer as comprobacións oportunas, confirmando a presenza dos porcos sen vida.

De maneira inmediata, o Concello puxo a situación en coñecemento tanto do posto da Guardia Civil da Laracha como do Servizo de Protección da Natureza (Seprona), activando os protocolos correspondentes. Así mesmo, solicitouse a retirada dos animais á empresa Gesuga co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria e ambiental da zona.

O Concello expresa "a firme condena desta actuación totalmente irresponsable e inaceptable que supón un atentado contra o medio natural e que podería implicar un grave risco medioambiental e para a saúde pública, ademais de supoñer un desembolso para as arcas municipais pola complexidade da retirada dos animais e a posterior xestión".

Ao mesmo tempo, o Concello agradece a colaboración da persoa que deu aviso da situación, xa que a súa comunicación permitiu unha actuación
municipal inmediata e eficaz evitando consecuencias potencialmente máis graves, ao mesmo tempo que solicita a cooperación cidadá para achegar
información sobre os feitos. O Concello continuará colaborando coas autoridades competentes para o esclarecemento do sucedido e para que se depuren as responsabilidades que correspondan.

Comentarios