Firmado o convenio para investir 470.000€ nas nas obras de humanización da contorna do CEIP Otero Pedrayo
A Xunta e o Concello da Laracha colaboran nas obras de humanización e dotación de infraestruturas na contorna do CEIP Otero Pedrayo, que suporán un investimento total de case 470.000€ (468.493€). A Xunta colabora no financiamento da actuación coa aportación do 70% do custe (327.945€), e contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello da Laracha achegará o 30% restante do custo das actuacións (140.548€), realizará as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.
A actuación que se vai desenvolver permitirá mellorar a accesibilidade, seguridade viaria e calidade urbana desta contorna escolar coa humanización do espazo. Entre as intervencións previstas, inclúense a execución dunha senda e beirarrúas, a pavimentación de firmes e a habilitación dun aparcamento para autobuses e vehículos lixeiros. Tamén se abordará a execución de novo alumeado público, a dotación de mobiliario urbano e a rede de pluviais. O prazo de execución das obras será de 6 meses.