Enfrontamento entre PSOE e PP sobre a planta de biogás
Está unida a sociedade da Laracha en fronte ao proxecto da planta de biogás de Soandres. Así o ratifican as mobilizaciós veciñais, pero tamén o pleno e as posturas ratificadas dende o Concello.
Porén, o grupo do PSdeG da Laracha vén de lanzar unha denuncia sobre unha posible "mentira histórica" do alcalde sobre o macroproxecto. Inés Ramos asegura que "o PSOE xa preguntara no Pleno en 2022 polo proxecto tras un anuncio de Feijóo, e o alcalde respondeu que non sabía nada, pero agora sabemos que o Concello xa tiña consultas nese ano”. A voceira socialista cualifica a situación de "escándalo político”, porque segundo o grupo da oposición “o alcalde non só ocultou o proxecto durante catro anos, senón que mentiu deliberadamente á corporación e a todos os veciños e veciñas”.
”Queremos saber os días exactos, queremos saber se cando nos mirou aos ollos no Pleno e nos dixo que non sabía nada, xa tiña o proxecto enriba da mesa do seu despacho", insistiu Ramos.
Postura do grupo de goberno
Dende o Concello aseguran que non van entrar en réplicas aos grupos da oposición. “A posición contraria ao proxecto tanto do Goberno municipal como do alcalde en particular é clara, como se puxo de manifesto continuamente nos últimos meses”, sinalan, citando exemplos como o rexeitamento unámime do Pleno ao proxecto, a participación do alcalde e do Grupo de goberno na manifestación convocada pola plataforma Stop Biogás A Laracha, a posta a disposición da cidadanía na web municipal dun modelo tipo de alegacións, a presentación por parte do Concello (e, a título individual, do alcalde e dos concelleiros) de alegacións contra o proxecto; a esión das antigas escolas da Fraga á plataforma Stop Biogás A Laracha para a recollida de sinaturas, a celebración dunha sesión informativa na Casa da Cultura con técnicos municipais; as reunións coa conselleira de Medio Ambiente e cos alcaldes de Cerceda, Arteixo e Culleredo para mostrar o rexeitamento conxunto ao proxecto, ou o apoio á declaración institucional contra o proxecto aprobada pola Deputación da Coruña.









