As fermosas imaxes gañadoras do Concurso "A Laracha no obxectivo"
Xa hai gañadores da modalidade “Xeral” da segunda edición do concurso de fotografía "A Laracha no obxectivo". O xurado, formado por Raúl Lorenzo -profesional do sector audiovisual- e Guillermo Iglesias -tesoureiro da Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte APTCM-, reuniuse para valorar todas as imaxes presentadas atendendo aos criterios de impacto visual, calidade técnico-artística e creatividade.
O xurado acordou outorgar o primeiro premio (dotado con 600 euros) á foto titulada Caión é luz, de Samuel López, unha espectacular imaxe aérea da península que conforma Caión tomada co obxectivo dun dron que sobrevoou a vila ao atardecer, xusto coincidindo co acendido das luces da iluminación pública.
O segundo premio (400 euros) foi para Reflexos, de Antonio Martínez, pola foto da praia de Caión na que se reflexa no mar a igrexa parroquial de Santa María do Socorro.
O terceiro premio (250 euros) concédese a Outono en Laracha, instantánea tomada por María Eugenia Pereira no paseo fluvial do río Anllóns na que destacan as cores do outono, a pasarela de madeira e, ao fondo, o muíño.
O premio do público aínda activo
Os premios da modalidade “Xeral”, dotados en total con 1.250 euros, xa están pois decididos, e aínda permanece aberta a votación na modalidade “redes sociais”. Ata o domingo 11 de decembro calquera internauta pode votar polas súas imaxes favoritas accedendo á páxina de facebook Turismo da Laracha. Aquela fotografía entre as 22 presentadas que obteña máis “gústames” será a gañadora e o seu autor recibirá 250 euros.
O acto de entrega dos premios de ambas modalidades celebrarase o día 12 de decembro.