Mércores. 23.10.2024
El tiempo

A Laracha lembra a obriga de limpar as franxas de biomasa das zonas urbanas

Parcela particular en Lestón sen xestionar a biomasa
A Laracha lembra a obriga de limpar as franxas de biomasa das zonas urbanas

O Concello da Laracha é un dos poucos Concellos que lembra á cidadanía a obrigatoriedade de conservar en bo estado de limpeza e mantemento os solares das zonas urbanas. Segundo se establece na Lei do Solo de Galicia, os titulares dos terreos teñen o deber legal de mantelos ao longo de todo o ano en bo estado de conservación e nas condicións óptimas de seguridade, salubridade e ornato público.

En cumprimento desa normativa, o Concello desenvolve cada ano unha campaña informativa con especial incidencia na primavera e no verán por tratarse das épocas de maior crecemento da biomasa.

Nesa campaña informativa exponse o texto da normativa, solicítase a cooperación das persoas propietarias de terreos, parcelas e solares e lémbrase que, en caso de incumprimento, a administración municipal poderá proceder á execución subsidiaria dos traballos de limpeza, repercutindo os custes nos titulares dos terreos e sen prexuízo da apertura do correspondente expediente sancionador.

O Concello agradece á veciñanza a súa implicación e sensibilización con estas obrigas, dado que por norma xeral ditos labores se acometen en tempo e sen necesidade de notificación previa.

Máisn novas

Comentarios