A Laracha presenta o IV Plan estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes (PIOM)

O Goberno da Laracha elevará ao pleno ordinario que se celebrará o xoves da semana que vén a proposta de aprobación do IV Plan estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes (PIOM).
O novo PIOM actualizará e adaptará á realidade, normativas e necesidades actuais o Plan que está en vigor no Concello da Laracha desde novembro de 2011. O documento foi elaborado por técnicos de igualdade do Concello nutríndose das achegas de diversos axentes sociais, persoal municipal, responsables políticos e cidadáns laracheses representando a diferentes sectores poboacionais.
O IV PIOM da Laracha recolle 15 obxectivos claros e 67 medidas de accións concretas que abranguen desde a promoción da igualdade no ámbito educativo, cultural e laboral ata a incorporación da perspectiva de xénero na planificación urbana e na calidade de vida no municipio.
Están agrupadas nestes 5 eixos:
- Transversalidade de xénero na administración municipal.
- Educación, cultura, deportes e lecer.
- Emprego, corresponsabilidade e conciliación.
- Benestar e participación social.
- Abordaxe integral da violencia de xénero.