Luns. 29.04.2024
El tiempo

A Laracha recoñece o labor do SAL

recepción SAL Concello laracha
A Laracha recoñece o labor do SAL

O Concello da Laracha fixo a recepción oficial no centro sociocomunitario de Caión ao equipo directivo, persoal técnico e deportistas máis destacados do Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL) en recoñecemento aos excelentes resultados obtidos nos campionatos de ámbito autonómico e estatal celebrados neste verán.

O rexedor municipal en primeiro lugar valorou o “esforzo das persoas que forman parte do club e tamén dos pais para que adestrar e competir nesta disciplina deportiva estea ao alcance de todos”.

En canto aos éxitos a nivel colectivo e individual, López Varela afirmou que “non deixades de sorprenderme” porque “cada ano o SAL ten máis deportistas, de maior nivel e presenta uns resultados excelentes”. Non obstante, o alcalde lembroulles que “máis aló das medallas, das marcas e dos récords, o fundamental é que desfrutedes practicando deporte nun ambiente san, no que se promocionen os estilos de vida saudables e que sexa tamén unha etapa importante da vosa formación e crecemento persoal”.

Como resultados máis importantes deste verán, o SAL estivo presente nos Campionatos de España das diferentes categorías. En absoluta, Anxo López e David Fraga quedaron cuartos clasificados en rescate con táboa. En xuvenís, o club SAL finalizou entre os dez primeiros na clasificación xeral tanto en categorías feminina, como masculina e mixta. Ademais, en cadetes o SAL quedou entre os dez primeiros en 18 probas, cun 4º posto en salvamento con tubo de rescate.

Nos Campionatos Galegos en categoría absoluta Anxo López, que aínda é xuvenil, obtivo a prata en nadar surf. En xuvenil e júnior lograron 12 medallas en probas individuais e colectivas (2 ouros, 5 pratas e 5 bronces). En infantil-cadete o club foi campión galego na clasificación xeral e sumou un total de 13 preseas (5 de ouro, 5 de prata e 3 de bronce). E en categoría alevín foi subcampión na clasificación xeral e os seus deportistas acadaron 4 medallas (1 ouro e 3 bronces).

Ademais, no Campionato Galego de Augas Abertas en categoría máster obtiveron outras 5 medallas (2 pratas e 3 bronces).

O alcalde tamén valorou os récords galego absolutos en piscina obtidos en maio por deportistas do SAL nas probas de 4x50 rescate tubo e 4x25 relevo maniquí.

López Varela expresou o “orgullo” do Concello da Laracha por ser unha potencia nos ámbitos galego e nacional en salvamento e socorrismo grazas ao SAL, e reiterou o compromiso de colaboración institucional do Concello co club, apuntando que a achega municipal é de 15.000 euros “para cooperar no financiamento dos gastos, incluído o uso da piscina”.

Comentarios