Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A Laracha, referente estatal en Salvamento e Socorrismo gracias ao SAL

A Laracha, referente estatal en Salvamento e Socorrismo gracias ao SAL

”Grazas ao SAL, A Laracha é unha referencia nacional nesta disciplina deportiva entre os 8.131 municipios que hai en España”. Así deu a benvida o alcalde José Manuel López Varela, aos medio centenar de deportistas do Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL), no acto de recoñecemento municipal polos excelentes resultados obtidos nos últimos campionatos de ámbito autonómico e estatal.

Aínda que o motivo principal do acto foi valorar os éxitos deportivos, López Varela tamén salientou que “tanto ou máis importante que os triunfos nos torneos é potenciar os estilos de vida saudables entre a mocidade e xerar o bo ambiente necesario para adestrar, divertirse e competir ao máis alto nivel”.

Resultados

Como resultados máis destacados, o SAL tivo catro representantes nos Campionatos de España Xuvenil, Júnior e Absoluto de distancias curtas celebrados en decembro en Valladolid, nos que Noelia Loureiro foi campioa e logrou o récord nacional en 50 metros socorrista, e Pablo Amado, Álvaro Hidalgo e Anxo López melloraron as súas marcas persoais.

No Campionato Galego Xuvenil, Júnior e Absoluto celebrado en Ourense os días 19 e 20 de marzo, os deportistas máis destacados foron en categoría xuvenil Anxo López (2 campionatos, 2 subcampionatos, 1 terceiro posto e un récord galego en 200 metros supersocorrista), Álvaro Hidalgo (1 subcampionato) e Nerea Mallo (1 subcampionato e 1 terceiro posto); en categoría júnior, Pablo Amado (2 subcampionatos); e en categoría absoluta, Noelia Loureiro (1 campionato e 4 subcampionatos) e Borja Díez (1 subcampionato e 1 terceiro posto).

Ademais, nos relevos, o xuvenil masculino proclamouse campión galego en lanzamento de corda e obtivo o terceiro posto en 4x50 natación con obstáculos. As representantes do xuvenil feminino quedaron subcampioas en lanzamento de corda e terceiras en 4x50 combinado. O equipo absoluto masculino foi campión en lanzamento de corda e terceiros en 4x50 combinado.

No Campionato Galego infantil e cadete celebrado o 13 de marzo en Caldas de Reis, o SAL foi subcampión na categoría Xeral cadete, subcampión en infantil feminino e terceiro clasificado tanto en cadete feminino como en masculino.

Como actuacións individuais destacaron os cadetes Juan Martín Rodríguez (2 campionatos, 1 subcampionato e 1 terceiro posto), Luis Negreira (1 campionato e 2 terceiros postos) e Lucía Añón (3 terceiros postos). En infantís os mellores resultados foron os subcampionatos tanto de Gisela Becerra como de Pedro Caamaño.

Por último, no Campionato Galego alevín celebrado en Cerceda o 5 de marzo, o equipo masculino proclamouse campión de Galicia e terceiro mellor club galego na clasificación Xeral, con dous campionatos e un subcampionato nas probas de relevos. O equipo feminino quedou cuarto nas tres probas e o equipo mixto logrou un subcampionato.

A título individual, salientar os subcampionatos de Simón Caamaño e de Hugo Ferreño.

Comentarios