Licitan un proxecto para acondicionar a área fluvial de Gabenlle
A área fluvial de Gabenlle, no treito que o río Anllóns atravesa a Laracha, xa é un fermoso espazo de lecer, un dos nosos recunchos da Costa, de feito. Pero pronto vivirá unha nova posta a punto.
No marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “Os Fogóns do Anllóns”, financiados con fondos europeos, a Deputación lanza a licitación a concurso para realizar un acondicionamento da zona para convertela nun referente turístico para residentes e visitantes.
A intervención prevista en Gabenlle, que conta cun orzamento de 50.000€, céntrase na recuperación da praia fluvial e na mellora ambiental da contorna. O proxecto inclúe traballos de roza, limpeza e retirada de elementos deteriorados, así como a renovación de pavimentos mediante materiais respectuosos co medio. Prevese tamén a instalación de novo mobiliario, mesas de picnic, merendeiros e sinalización divulgativa, xunto coa mellora dos accesos e a consolidación de áreas de descanso. Ademais, tamén se plantarán especies autóctonas e recuperarase o hábitat natural asociado ao corredor fluvial.
O prazo de presentación de ofertas para executar estes traballos remata o 22 de decembro.
