En marcha as obras de renovación do complexo da piscina municipal da Laracha
Xa están a pleno rendemento as primeiras actuacións realizadas na execución do proxecto de renovación das instalacións da piscina municipal da Laracha. Unhas obras que contan cun investimento de 134.000 euros cofinanciadas ca Xunta, e que contemplan varias intervencións diferenciadas e complementarias entre si coa finalidade de mellorar os equipamentos, facelos máis atractivos e eficientes, e ofrecer un maior confort aos usuarios e novas oportunidades para a práctica de actividade física.
Nesta fase inicial a intervención localízase na parte exterior, onde se realizará unha nova impermeabilización da cuberta e a completa renovación das fachadas.
Na zona do vaso da piscina levaranse a cabo posteriormente intervencións na praia que pretenden reducir os desbordamentos que se rexistran especialmente nos momentos de maior uso da instalación. Isto suporá un impacto positivo tanto no aforro de auga como na eficiencia enerxética.
Ademais, no ximnasio contémplase a renovación do pavimento coa instalación de dous tipos de superficies adaptadas ás diferentes necesidades que presentan as salas de máquinas e as de actividades, e realizaranse as intervencións oportunas para mellorar a climatización na sala de spinning.
Este proxecto complementarase coa completa substitución das máquinas do ximnasio.
Máis obras
O Concello ten previsto sacar a licitación na próxima semana catro proxectos de mellora da rede viaria que suman un investimento total superior aos 225.000 euros.
Un deles localízase na estrada da parroquia de Erboedo que comunica A Fontenla co límite con municipio veciño de Arteixo á altura do Loureiro. A actuación afecta a unha distancia aproximada de un quilómetro, contemplándose no tramo máis estreito o acondicionamento do sobreancho para ampliar a calzada. Ademais da pavimentación, acometerase a limpeza e perfilado das cunetas para facilitar a drenaxe e a sinalización horizontal e vertical.
Outra intervención, de similares características, que tamén contempla o ancheamento dun tramo da calzada, levarase a cabo nun sector de 600 metros de lonxitude da vía da parroquia de Lendo entre O Cruceiro e Escurido.
En Lemaio está proxectada a mellora da estrada entre A Fraga e O Pereiro dotándoa cun novo pavimento e incluíndo, tamén, a limpeza das cunetas e a sinalización.
A actuación en Caión localízase no núcleo do Outeiro, onde vai ser mellorada a calzada ata o entronque coa estrada que dirixe a Baldaio (DP-1909), favorecendo tamén as comunicacións cos zona do santuario dos Milagres.