Milleiros de firmas presentadas na Xunta contra a macroplanta de biogás proxectada na Laracha
Este luns varios representantes da Plataforma Stop Biogás A Laracha, rexistraron unha alegación colectiva que suscribiron unhas 7.000 persoas coa súa sinatura, e que realizaron co asesoramento de abogados, biólogos, arqueólogos e outros profesionais e colectivos especializados, tras analizar milimétricamente o proxecto de macroplanta presentado pola empresa Bioenergía A Coruña SLU.
Este polémico proxecto, que está a punto de rematar a súa fase de alegacións, conta xa co posicionamento en contra do propio Concello da Laracha e do resto de grupos políticos do consistorio, tamén da Deputación da Coruña e dos concellos limítrofes coa Laracha que, xunto coa veciñanza, están preocupados polas consecuencias medioambientais dos vertidos de residuos líquidos ao río Anllóns, en cantidade equivalente a 2.000 camións cisterna cada ano, e o que iso impactaría nos hábitats do río e da propia poboación que capta auga do río para o seu consumo.
Outro dos puntos que máis preocupan é a contaminación do aire coa produción de cheiros perxudiciais para a saúde, tal como relataba o Médico Neumólogo Evaristo Lombardero nunha das moitas charlas informativas organizadas pola Plataforma, na que partindo de datos científicos e casos reais, a veciñanza puido comprobar os posibles danos á saúde deste tipo de de macroproxectos na saúde das persoas.
“A loita acaba de comezar e non imos parar”, afirman dende a Plataforma, que despois do intenso traballo nas alegacións, das moitas charlas e reunións informativas e da histórica manifestación do pasado 9 de maio, xa están organizando novas mobilizacións, actividades de divulgación, reunións institucionais e accións de presión social, legal e política a todos os niveis, confirman.
Ás alegacións presentadas pola Plataforma, sumáronselle numerosas alegacións presentadas tamén por entidades e asociacións locais como Salvemos o Noso, A.C.D. Santa Lucía, A.C. Comisión de Festas de Soandres, A.D.C de Soandres, Asociación de Cazadores de Mantiñán-Soandres.
O PSOE da Laracha tamén presenta alegacións
En paralelo, o PSdeG-PSOE tamén presentou diversas alegacións ao proxecto de planta. A voceira do PSdeG da Laracha, Inés Ramos López, presentou ditas alegacións xunto á deputada autonómica Patricia Iglesias Rey, realizando unha rolda de prensa conxunta na que explicaron que estas se fundamentan nas consecuencias que o proxecto tería na veciñanza e o medio.
Ramos López enumera "a afectación ao día a día e á saúde dos veciños e veciñas, desprotección do noso patrimonio arqueolóxico, contaminación do río Anllóns, río que dá de beber á case toda a comarca, entre outras cuestións".
Máis novas do proxecto