O Pleno da Deputación posiciónase en contra da Planta de Biogás de Soandres e volve esixir á Xunta de Galicia a gratuidade da AG-55
Dúas mocións costeiras foron aprobadas no pleno ordinario deste mes de abril da Deputación da Coruña. Unha amosando a súa posición en contra da planta de biogás da Laracha; e outra, unha nova petición que esixe á Xunta a gratuidade da autovía AG-55.
A peaxe
Cos votos de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e a abstención do PP, o pleno aprobou unha moción presentada polo PSdeG-PSOE e BNG para exixir á Xunta de Galicia a eliminación das peaxes da autovía AG-55, que conecta A Coruña e Carballo. A proposta tamén demanda a execución dun plan de mantemento urxente para corrixir os puntos de acumulación de auga e o mal estado do firme na autovía.
A Deputación lembra a liberación aprobadao 10 de outubro de 2024, das autovías do Salnés, do Barbanza, de Ourense-Celanova e de Santiago-Brión.
Tralas intervencións do PSOE e BNG, o portavoz do PP, Evaristo Ben, lembrou que o seu grupo presentou unha emenda ao texto- que non foi aprobada- estendendo a petición da gratuidade das peaxes ás autoestradas AP-9 e AP-53, unha cuestión que centrou boa parte da súa intervención.
Pola súa parte, o portavoz de AV, Ángel García Seoane, lembrou cando os concellos da comarca coruñesa se mobilizaron de forma conxunta para esixir eliminación da peaxe da Barcala, “algo que conseguimos” e instou a mobilizarse “todos nunha mesma liña” para eliminación das peaxes. “A peaxe de Carballo a Arteixo non ten nome, non hai nin 5 kilómetros. Iso non pasa en ningunha parte de España”, afirmou.
Rexeitamento á planta de biogás
Por unanimidade de todos os grupos políticos, aprobouse a declaración institucional na que manifesta a súa oposición á planta de biogás proxectada pola empresa Aratel no lugar de Vista Alegre, na parroquia de Soandres, no concello da Laracha. Un rexeitamento oficial que se suma aos aprobados nos dous concellos afectados, o da Laracha e o de Culleredo.
A Deputación insta á Xunta a non declarar a iniciativa de interese estratéxica, ao entender o rexeitamento da veciñanza e os posibles impactos significativos sobre o medio ambiente, os recursos hídricos e a calidade de vida da veciñanza, polo que resulta incompatible coa protección do territorio e co modelo de desenvolvemento sostible que defende a institución.
A Deputación pon tamén o foco na escasa repercusión económica do proxecto, que prevé un máximo de 10 empregos directos.
Á sesión acodron varios membros da Plataforma Stop Biogás Laracha, acompados polo alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez, Patricia Bello e Pablo Cambón.
Ademais, os responsables políticos laracheses mantiveron tamñen hoxe en Santiago de Compostela unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para trasladarlle de primeira man a preocupación existente no municipio polo proxecto de instalación dunha planta de biogás en Vista Alegre, na parroquia de Soandres.
Na reunión, o rexedor trasladou ademais á responsable autonómica o contido das alegacións que o Concello presentará nos próximos días dentro do procedemento administrativo en marcha, centradas principalmente na protección do patrimonio existente na contorna, no risco de posibles afeccións ao río Anllóns e nas molestias derivadas dos cheiros asociados á actividade prevista.
A conselleira lembrou que o proxecto continúa pendente da emisión dos preceptivos informes sectoriais por parte dos organismos competentes.







