venres. 02.05.2025
El tiempo

Nova edición a campaña de reactivación do comercio local "Eu merco na Laracha"

2025.04.30.- Presentación Eu merco na Laracha
A concelleira de Promoción Económica, Rocío López, o alcalde José manuel López Varela e a ADL municipal Ana Carmen Jiménez
Nova edición a campaña de reactivación do comercio local "Eu merco na Laracha"

Volve activar o Concello da Laracha un dos programas de activación do comercio local máis interesantes. Por terceiro ano consecutivo arrinca o programa "Eu merco na Laracha", que xa conta unha partida orzamentaria inicial de 40.000 euros. 

A través desta iniciativa volveranse poñer a disposición dos cidadáns un total de 1.333 chequeiras de bonos por un valor de 30 euros cada unha para utilizar como descontos nas súas compras nos sectores comerciais, hostaleiros, culturais, educativos, taxis, salóns de peiteado e outros tratamentos do municipio adheridos ao programa. Deste xeito o Concello subvencionará as compras co múltiplo propósito de fortalecer os negocios locais, aliviar o gastos das familias e fomentar o consumo de proximidade.

O sistema de emprego dos bonos será idéntico ao das dúas edicións anteriores. Cada unha das 1.333 chequeiras conterá tres bonos de 10 euros para descontar por gastos de 20 euros nas compras, consumos ou servizos nos establecementos ou actividades adheridos (por vinte euros de gasto descontaríase un bono, por corenta euros, dous, e por sesenta euros, tres). 

Nos próximos días publicaranse as bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), nas que quedarán regulados aspectos como que comercios, establecementos e negocios poderán adherirse, os requisitos que deben cumprir os beneficiarios e os prazos establecidos. En breve saberemos as datas inscrición para os locais e para a veciñanza, pero xa sabemos que a data de petición de bonos para a veciñanza concluirá o 23 de maio, e que o uso dos bonos deberá facerse ao longo de todo o mes de xuño

Toda a información estará en https://eumerconalaracha.alaracha.gal.

Comentarios