mércores. 11.12.2024
El tiempo

O PSOE pide negociación para resolver a problemática coa Policía Local da Laracha

Edificio Administrativo da Laracha-Policia Local
Edificio Administrativo da Laracha-Policia Local
O PSOE pide negociación para resolver a problemática coa Policía Local da Laracha

Denuncia hoxe o PSdeG-PSOE Provincial da Coruña "a negativa do alcalde do municipio a negociar coa Policía Local para solucionar a situación actual de falta de axentes".

As baixas de varios dos profesionais provocan unha falta de prestación dun servizo básico no municipio, segundo denuncian os socialistas que piden ao rexedor vontade para negociar. "Ninguén obriga a que se chegue a acordos, pero como mínimo deberiamos de sentarnos a negociar para escoitar as propostas dos traballadores e evitar a situación que hai na actualidade", sinala o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro.

A voceira socialista local Inés Ramos López destacou que os axentes "simplemente piden unha equiparación ao resto de postos de traballo do Concello". Puxo de relevo algunha das últimas circunstancias, como as manifestacións levadas pola comunidade escolar do IES Agra Leborís provocando certo caos de tráfico que non se puido coordinar pola falta de efectivos.

Problemas coa lei

Fernández Piñeiro puxo o foco tamén na Lei de Coordinación da Policía Local de Galicia: "Levamos anos demandando a súa modificación dende o Partido Socialista, á vista dos graves problemas e perxuízos que está xerando para a maioría dos concellos en xeral, problemas que nos impiden cubrir baixas ou cubrir prazas". "Dende aquí queremos instar ao presidente Rueda e ao seu conselleiro de presidencia, o señor Diego Calvo, a que inicien xa os trámites de cara á modificación desa lei, negociando co resto de grupos do Parlamento de Galicia para que sexa consensuada", sinalou.
  
Finalmente, interviu tamén a deputada socialista no Parlamento galego Patricia Iglesias Rey, que rexistrou na cámara unha pregunta ao Goberno galego e ao conselleiro responsable Diego Calvo respecto desta cuestión. 
 
 

Comentarios