O Obradoiro de Emprego da Laracha rehabilita o paseo de Gabenlle

Vimos a semana pasada aos da especialidade en pintura industrial rehabilitando a cuberta dun pavillón. E como pola Laracha teñen claro que se aprende facendo, hoxe visitamos ao alumnado da especialidade de carpintería de madeira e moble do obradoiro de emprego “A Laracha IX”, que están rehabilitando paseo fluvial do Anllóns.
As intervencións consisten na limpeza manual da pasarela de madeira e a renovación das táboas deterioradas ao longo dos case 2,5 km de distancia entre Gabenlle e a ponte do Formigueiro. Durante as próximas semanas nas que se van continuar realizando os traballos haberá cortes puntuais no acceso a determinados tramos, que se sinalizarán adecuadamente para minimizar as molestias á veciñanza e ás persoas usuarias deste espazo.
Esta mesma especialidade de carpintería e moble xa levara a cabo outras actuación como a construción da nova caseta do servizo de salvamento e socorrismo da praia de Caión, que se puxo en funcionamento no inicio da temporada estival, e tamén renovaron o mobiliario urbano en varios puntos do municipio.