Os pequeconselleiros do EPIA da Laracha, presentes no IV Encontro Galego de Participación Infantil e Adolescente

Segue o Concello da Laracha coidando, escoitando e atendendo á súa mocidade.

Desta volta, os protagonistas foton 7 conselleiros do Espazo de Participación da Infancia e da Adolescencia (EPIA) representaron á Laracha na pasada fin de semana no IV Encontro Galego de Participación Infantil e Adolescente, unha cita organizada por UNICEF Comité Galicia que se celebrou no concello pontevedrés de Nigrán.

O encontro reuniu preto de medio cento de nenos, nenas e adolescentes de diferentes municipios galegos que forman parte da iniciativa Cidades Amigas da Infancia co obxectivo de compartir experiencias e reflexionar sobre cuestións que afectan ao seu día a día.
Durante as xornadas, os mozos e mozas da Laracha participaron activamente nos obradoiros e nas dinámicas de grupo, achegando as súas ideas e propostas en torno a temas de interese común para a infancia e a adolescencia, especialmente vinculados ao ámbito dixital, á convivencia e ao benestar emocional. O encontro serviu tamén para fortalecer os lazos entre os distintos consellos locais e fomentar o intercambio de boas prácticas entre municipios.

Os conselleiros laracheses estiveron acompañados pola edil Rocío López, quen valorou moi positivamente a experiencia e destacou o compromiso do Concello coa participación infantil a través do Espazo de Participación da Infancia e da Adolescencia, un órgano que permite que nenos e nenas poidan expresar as súas opinións e contribuír con propostas para mellorar a súa contorna e vida cotiá.
O evento de Nigrán, organizado por UNICEF, culminará coa elaboración dun manifesto común que será presentado no Parlamento de Galicia o próximo 21 de novembro, coincidindo co Foro de Participación Infantil e Adolescente.
 

Máis novas do proxecto