A posible contaminación na captación de auga, a base das alegacións carballesas á Planta de Biogás de Soandres

Imaxe do Proxecto Técnico básico da Planta Biogás de Soandres

Seguimos debullando os impactos da planta de biogás da Laracha, promovido por Bioenergía A Coruña SLU (expediente 2024-IPPC-I-94). Hoxe é o Concello de Carballo o que vén de presentar formalmente un paquete de alegacións no trámite de información pública do proxecto da . O informe, elaborado polos servizos técnicos municipais, conclúe coa solicitude de denegación da autorización ambiental integrada e propón que se emita unha declaración de impacto ambiental desfavorable debido aos riscos "non asumibles" que a instalación supón para a saúde pública e o medio ambiente.

O goberno local critica non ter sido informado oficialmente de ningún procedemento, a pesar de que o proxecto compromete directamente o servizo básico de subministro de auga de consumo humano do municipio.

O punto máis alarmante detectado polos técnicos municipais é o volume e a localización do vertido previsto da planta. O proxecto planea canalizar un volume máximo anual de 58.592 m³ de efluentes líquidos industriais directamente á canle do río Anllóns, xusto nas inmediacións do seu nacemento.
O informe advirte de que este vertido continuo se realizará augas arriba da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Carballo, a cal capta a auga do río para abastecer á poboación. Calquera vertido accidental ou alteración nos parámetros químicos nunha zona de cabeceira —onde o río ten moi pouco caudal no verán e nula capacidade de dilución— podería provocar un risco real de intoxicación humana e obrigar a cortar o subministro municipal. Ademais, a planta prevé situarse a só 100 metros do río e almacenar substancias perigosas como ácido sulfúrico e clorhídrico, multiplicando o risco por escorrentía.

O Concello de Carballo sinala que o Estudo de Impacto Ambiental da empresa obvia por completo que o río Anllóns está incluído na Rede Natura 2000 como Zona Especial de Conservación (ZEC). O inventario do proxecto nin sequera menciona a presenza de especies vulnerables e protexidas dependentes do río, como a anguía, a salamántiga rabilonga ou a londra.

Por outra banda, a promotora incumpriu a Lei de Avaliación Ambiental ao non analizar os efectos acumulativos e sinérxicos do proxecto, ocultando que a escasos 40 metros do punto proposto xa existe un vertido autorizado doutra industria cárnica con risco contaminante medio.

A Ubicación exacta

Outras dúbidas

O informe municipal destapa tamén serias dúbidas sobre a viabilidade técnica e a seguridade das instalacións:

  • Risco de deslizamento do solo: A planta proxéctase sobre os terreos dunha antiga actividade extractiva (canteira entre 2008 e 2011). O proxecto carece de estudos xeotécnicos que garantan a estabilidade do terreo, onde se pretenden construír dous grandes depósitos enterrados e ata 16 depósitos en superficie.
  • Fallo no sistema de depuración: Os técnicos advirten de que a EDAR proposta ten un "risco técnico elevado". O tanque de homoxeneización non garante a retención de augas industriais en caso de avaría, o que podería derivar en vertidos directos e incontrolados ao Anllóns.
  • Opacidade nos residuos (SANDACH): A planta tratará 3.000 toneladas ao ano de puríns (residuos SANDACH de categoría 2, que esixen estritos controis de hixienización por risco sanitario), pero o proxecto clasifícaos erroneamente como simple "residuo líquido" para envialos ao dixestor sen tratamento previo.

Máis novas do proxecto