venres. 24.04.2026
El tiempo

A Planta de Biogás de Soandres non consegue a unanimidade do Parlamento

Oscar Insua BNG Patricia Iglesias PSOE e Ruben Lorenzo PP no Parlamento Galego
Oscar Insua (BNG), Patricia Iglesias (PSOE) e Rubén Lorenzo (PP) no Parlamento falando da Planta de Biogás da Laracha
A Planta de Biogás de Soandres non consegue a unanimidade do Parlamento

A pesar que a nivel municipal, os representantes dos 3 grupos foron capaces de chegar a un acordo unánimo de rexeitamento ao proxecto da planta de biogás de Soandres, os mesmos grupos non foron quen de ratificalo a nivel autonómico. O PP rexeitou unha proposicion non de Lei presentada polo PSOE, e apoiada polo BNG, que invitaba ao Parlamento a instar á Xunta a realizar unha serie de accións para “Garantir un proceso real e efectivo de información e participación pública” sobre o proxecto.

A proposición propuña que a Xunta exise a elaboración dun informe independente de impacto ambiental e sanitario, alleo ao promotor”, así como a” aprobación dunha regulación autonómica específica das plantas de biogás e biometano”, no marco dun “plan galego de xestión integrada das explotacións gandeiras e das plantas de biogás, que evite a implantación desordenada de proxectos e garanta un modelo sustentable, descentralizado e adaptado á realidade galega”.

Os dous grupos alertaron de todos os riscos que están poñendo en pé á veciñanza, que deixou pequeno o salón de actos do Concello larachés na reunión informativa desta semana. E mesmo engadiron unha enmenda na que pedían suspensión cautelar administrativa por parte da Xunta.

Con todo, o voceiro de Industria no Parlamento, Rubén Lorenzo tivo que argumentar o rexeitamento a esta Proposición. O edil carballés recoñeceu a preocupación “lexítima” da veciñanza da Laracha, e recoñece o apoio da alcalde popular da Laracha, que esta acompañando á veciñanza a presentar alegacións. E foi aí onde defendeu que “a Xunta de Galicia ten xa unha obriga legal de tramitar todos os proxectos quese lle presente, porque este non é un proxecto da Xunta, é un proxecto dunha empresa privada que ten dereito a facelo”. Lorenzo defendeu que “estamos nun proceso aberto, transparente e garantista de información pública, que permite presentar alegacións libremente”, acusando aos dous grupos de “manipular electoralmente á veciñanza”, e lanzando, outra vez máis, a pelota ao tellado do goberno central. “Nós non votamos en contra da preocupación da veciñanza, nin do Concello da Laracha, nin votamos a favor do proxecto. Votamos en contra dunha PNC que está mal formulada e unha autoenmenda que pide algo ilegal”, sinalou en relación á enmenda formulada para solicitar a suspensión cautelar. “Tramitar non é apoiar”, sinalou defendendo o papel de avaliación dos técnicos.

Foi crúa aí a socialista Iglesias, lembrando que esa suspensión cautelar está respaldada por 3 leis, e acusou á Xunta de promover esta clase de proxectos. ”Quen pon a alfombra vermella para que estas plantas se poidan autorizar en suelo rustico ou declarar un proxecto autonómico prioritario que acorta os prazos e facilita os requisitos?”, inquiriu Iglesias. “Os técnicos? Nooon, vós, os políticos do Partido Poular”, lanzoulle, invitando ao alcalde da Laracha a “encargar un informe independente se o que pretende é verdadeiramente axudar á veciñanza.

Movemento Sumar Galicia expresa a súa preocupación

Mesmo o Movemento Sumar Galicia amosou a sua preocupación polo proxecto de planta de biogás previsto en Soandres, no concello da Laracha, e advirte de que as infraestruturas necesarias para a xestión de residuos deben desenvolverse con rigor ambiental, sanitario e territorial, garantindo en todo caso a protección das persoas e do medio.
A formación sinala que as plantas de biogás cumpren unha función necesaria ao permitir o tratamento de residuos, incluídos subprodutos de matadoiro, pero subliña que precisamente por esa razón deben cumprir estándares moi esixentes e estar correctamente planificadas. No caso de Soandres, trátase dunha infraestrutura de gran escala, con capacidade para tratar máis de 63.000 toneladas anuais, nunha localización que non ofrece garantías suficientes.

 

Comentarios