A Praza O Recreo xa loce a placa de "Cidade Amiga da Infancia"
O Concello da Laracha descubriu hoxe na Praza O Recreo da capital municipal a placa acreditativa do recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia concedido por UNICEF España á Laracha, un distintivo que certifica o compromiso municipal coa promoción dos dereitos da infancia, a participación real dos nenos, nenas e adolescentes e o impulso de políticas públicas orientadas ao seu benestar e desenvolvemento integral.
No acto participaron o alcalde, José Manuel López Varela; a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López; e Marta Andrade, responsable de Sensibilización e Políticas de Infancia de UNICEF Galicia. Tamén asistiron representantes dos catro centros educativos do municipio -CEIP Otero Pedrayo, CEIP Alfredo Brañas, CEIP de Caión e IES Agra de Leborís-, e integrantes do Espazo de Participación Infantil e Adolescente (EPIA).
A instalación da placa supón un novo paso na visibilización deste recoñecemento, que A Laracha recibiu oficialmente o pasado mes de decembro, converténdose nun dos once concellos galegos distinguidos por UNICEF. Ademais, o Concello prevé instalar placas idénticas noutros puntos de encontro e espazos representativos do termo municipal para reforzar a difusión desta condición entre a veciñanza.
A concelleira Rocío López destacou que o distintivo é o resultado dun traballo sostido no tempo para incorporar a voz da infancia á acción municipal. “Na Laracha cremos que os nenos, nenas e adolescentes deben ser escoitados en todas aquelas cuestións que lles afectan, desde a educación, a cultura ou o deporte ata ámbitos como o urbanismo, a seguridade ou as obras”, afirmou. A edil lembrou que o Consello Local da Infancia e Adolescencia, constituído en 2023, e os plenos infantís celebrados periodicamente son ferramentas fundamentais para facer efectiva esa participación e agradeceu a implicación dos centros educativos, das familias e dos integrantes do EPIA.
Marta Andrade puxo en valor o compromiso demostrado polo Concello durante os últimos anos para alcanzar este recoñecemento. A representante de UNICEF Galicia sinalou que “ser Cidade Amiga da Infancia significa escoitar, pero tamén permitir que os nenos e nenas formen parte das decisións e da construción do municipio no que viven”. Ademais, felicitou tanto ao Concello como aos integrantes do EPIA polo seu traballo e animounos a continuar ampliando os espazos de participación infantil e adolescente.
Co descubrimento da placa, o Concello quere deixar constancia visible dese compromiso e continuar afondando nunha liña de traballo que foi recoñecida por UNICEF pola súa capacidade para integrar a perspectiva da infancia na acción municipal e favorecer que os máis novos poidan expresar as súas opinións e contribuír á construción da Laracha do presente e do futuro.


