martes. 19.05.2026
El tiempo

Sergio Trillo e Laura Suárez presentaron o conto infantil para combater a soidade non desexada desde a infancia

Sergio Trillo na Presentacion en Vimianzo do Conto Infantil da Curuxa
Sergio Trillo na presentación
Sergio Trillo e Laura Suárez presentaron o conto infantil para combater a soidade non desexada desde a infancia

A Casa da Cultura de Vimianzo acolleu na mañá de onte a presentación do conto ilustrado “Por que se lle revirou o peteiro á Curuxa Maruxa?”, un novo recurso literario e pedagóxico para sensibilizar sobre a soidade non desexada e fomentar, desde a infancia, o valor da amizade, da escoita e da interacción social.

A publicación enmárcase no plan do Concello de Vimianzo contra a soidade non desexada “Conectando Corazóns” e foi editada co apoio da Deputación da Coruña, a través da Imprenta Provincial, como unha edición non venal destinada a fortalecer as redes de apoio comunitario e a achegar aos máis pequenos unha reflexión sinxela, próxima e accesible sobre o illamento social.

Presentacion en Vimianzo do Conto Infantil da Curuxa

Os creadores son o psicólogo vimiancés Sergio Trillo e a deseñadora ceense Laura Suárez, que participaron na presentación xunto coa alcaldesa de Vimianzo e deputada provincial, Mónica Rodríguez Ordóñez; a deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal; a concelleira de Benestar Social, Igualdade, Sanidade e atención
cidadá, María José Pose; e a coordinadora do Plan de Soidade, Sandra Abeijón.

Os primeiros en coñecer o libro foron os cativos e cativas de 1º e 2º de Educación Primaria do CEIP San Vicenzo. 


Presentacion en Vimianzo do Conto Infantil da Curuxa cos nenos do CEIP San VIcenzo

Unha metáfora sobre a importancia de escoitar e acompañar

A obra narra a historia de Maruxa, unha curuxa que un día esperta co peteiro torcido por mor dun “sentimento estraño” que non é quen de comprender. Na procura dunha resposta, a protagonista inicia unha viaxe polas diferentes parroquias de Vimianzo, onde se atopa con distintos animais, todos eles cheos de talento, pero demasiado centrados nas súas propias rutinas como para reparar no que lle acontece.

Será finalmente o encontro cos demais, a alegría compartida, o baile dunha muiñeira no Castro das Barreiras e o calor da comunidade o que consiga endereitar o seu peteiro. Maruxa descobre entón que aquilo que sentía tiña un nome: soidade.

Comentarios