Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Protección Civil e Policía Local sufocan un incendio forestal provocado na Laracha

2022.07.19.- Incendio Erboedo A Fontenla (1)
Protección Civil e Policía Local sufocan un incendio forestal provocado na Laracha

Mentres o lume arrasa zonas de altísimo valor ecolóxico en rexións coma a do Courel e Valdeorras (a Asociación Monte Pindo Parque Natural xa lanzou a alarma pedindo á Xunta que faga o necesario por controlalo), a nosa comarca parece allea a esta nova vaga de incendios. Non así na Laracha, onde tiveron que traballar arreo a Policía Local e Protección Civil para sufocar un incendio na zona da Fontenla.

Eran as 8:30 horas desta mañá recibiuse o aviso dun incendio forestal detectado na parroquia de Erboedo. Unha patrulla da Policía Local e dous voluntarios de Protección Civil da Laracha cun vehículo motobomba do Concello que está a disposición dos servizos municipais de emerxencias, desprazábanse ao lugar. A continuación tamén acudiron unha brigada do Distrito Forestal II de Bergantiños e As Mariñas Coruñesas con outro vehículo motobomba e o Axente forestal.

O incendio quedou extinguido por completo en torno ás 10:00 horas. A rápida intervención dos efectivos municipais evitou a propagación das lapas e que o incendio se estendese a unha maior superficie de terreo nunha xornada na que o vento que se estaba a rexistrar na zona podería ter agravada a situación.

O incendio presentaba dous focos a unha distancia de aproximadamente cincocentos metros, un deles con tres puntos de inicio e o outro, con dous. É por iso que as investigacións apuntan a que foi provocado.

O Concello solicita a colaboración cidadá para tratar de esclarecer os feitos. Calquera persoa que poida achegar información ao respecto, pode facelo dirixíndose ao propio Concello ou á Policía Local da Laracha.

Comentarios