Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Xa está en marcha unha nova edición do programa "A Laracha acolle"

a laracha acolle
Xa está en marcha unha nova edición do programa "A Laracha acolle"

O programa "A Laracha acolle", posto en marcha polo Concello da Laracha e que está dirixido ás persoas inmigrantes empadroadas no termo municipal -prioritariamente, ao colectivo das mulleres- xa está en marcha. Esta iniciativa ten por finalidade a inclusión social e cultural destas persoas. 

Esta iniciativa ten dúas liñas de acción complementarias. Por unha banda un taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia e, pola outra, a creación do espazo de expresión e participación cultural ‘Exprésa-T’, dirixido ao coñecemento dos costumes, funcionamento e valores da sociedade de
acollida, intercambio e socialización, así como ao tratamento de temas transversais de xénero e coeducación. 

As persoas interesadas en participar no programa "A Laracha acolle" deben inscribirse no departamento de Servizos Sociais, ben acudindo ao edificio
administrativo da Laracha ou chamando ao 981612811.

Concurso de fotografía polo "Día da Muller Rural"

Concurso Fotografía
Concurso Fotografía

Por outra banda, dende hoxe e ata o 6 de outubro está aberto o prazo para presentar traballos e participar no concurso de fotografía "Día da Muller Rural" que organiza o Concello para sumarse á celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais que se conmemora o 15 de outubro.

O obxecto do certame é reflectir nas imaxes as particularidades das mulleres rurais presentes e pasadas da Laracha, poñer en valor o papel e o traballo
desempeñado polas mesmas e a súa contribución ao desenvolvemento local. Poderá participar no concurso de forma individual calquera persoa que sexa residente no termo municipal da Laracha.

O concurso de fotografía ‘Día de Muller Rural’ consta de dúas categorías: “Mulleres rurais do presente” e "Mulleres rurais do pasado”. As persoas que desexen participar teñen que enviar a fotografía e unha breve descrición da mesma a través do formulario que está dispoñible na web municipal ou ben de xeito presencial no Edificio Administrativo da Laracha.

Repartiranse un total de mil euros en seis premios ás tres fotografías de cada categoría que obteñan máis “me gusta” na páxina de Facebook do Concello da Laracha desde o día 7 e ata o 13 de outubro ás 10:00 horas. A contía dos premios de cada categoría é de 300 euros para os primeiros premios, 150 euros para os segundos e 50 euros para os terceiros.

Comentarios