A Xunta aproba a Declaración de Impacto Ambiental da mina de Corcoesto ante as protestas de colectivos por desinformación

Fin de semana completa arredor da Mina de Corcoesto. A Xunta aprobaba o venres a Declaración de Impacto Ambiental do polémico proxecto, e as protestas non se fan esperar. A Plataforma en Defensa de Corcoesto xa enviou a súa protesta porque a Xunta non fixo público o informe ata hoxe luns (e xa está descargable.

Unha situación que chega ao mesmo tempo no que a Plataforma Salvemos Cabana denunciase ter sufrido unha acción de "censura no seu twitter. Unha Plataforma que ademais publica a súa posición en contra do DIA.

Declaración de Impacto Ambiental

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto de explotación do denominado Grupo Mineiro Corcoesto. A Xunta afirma que a resolución tivo en conta as achegas feitas por parte de colectivos, algo que negan rotundamente dende as Plataformas. A DIA, aseguran, "establece as cautelas ambientais que permiten facer compatible a extracción do mineral coa protección dos valores naturais a conservar".

A Xunta define o proxecto como "unha explotación a ceo aberto, planificada cun horizonte temporal de 13 anos, dos que oito corresponden á explotación propiamente dita, mentres que nos outros cinco desenvolveranse os traballos previos de preparación de infraestruturas, así como a restauración das 391 hectáreas (case 400 campos de fútbol) directamente afectadas polo proxecto, ao finalizar a explotación. A produción total prevista é de 1.095.000 onzas de ouro".
E sobre os residuos apuntan que "o proxecto contempla a realización dunha minería de transferencia, enchendo ó longo da explotación as cortas xa explotadas con estériles procedentes das cortas en explotación. O estéril procedente da primeira corta situarase nunha entulleira sita non val do Lourido, ao sur da explotación, cuxo leito terá que ser desviado previamente. O enchido dos ocos e da entulleira dará lugar a dúas elevacións integradas coa paisaxe e de cotas moi similares ás do entorno". Así, todo quedará formando unha "integrada lagoa" dunhas dezaoito hectáreas.

Unha das claves é que o proxecto se atopa en tramitación de “proxecto industrial estratéxico”, algo que provocaría que non fosen necesarias tomar as medidas habituais de prevención. Incide a Xunta en cifras curiosas: 270 postos de traballo directo e máis de 1000 indirectos, lonxe dos 4.000 que prometera a Xunta, pero aínda así "unha esaxeración" a xuízo dos colectivos".

Un dos datos aportados é que "a explotación mineira terá que manterse a unha distancia de 140 metros do espazo natural protexido Río Anllóns", pero non fai referencia a que as augas residuais (que poderán conter trazas de cianuro" acabarán de tódolos xeitos no río bergantiñán.

Críticas da Plataforma Salvemos Cabana

Á espera de coñecer o texto da resolución definitiva, Salvemos Cabana considera que "pola información publicada o venres 15 non se tiveron en conta as fundamentadas alegacións de especialistas e colectivos, e que en ningún caso a DIA permite facer compatible a extracción do mineral coa protección dos valores naturais a preservar".

Así mesmo afirma:

  • Que baixo nengunha circunstancia os 140 metros de separación coa Reserva Natural do Río Anllóns poden "illar" a este espazo protexido dos efectos da Minaría de Gran Porte.
  • Que a estimación de postos de traballo que figura no proxecto (271), non fai referencia á duración destes, que en gran parte dos casos serán de carácter temporal, especialmente ao inicio das operacións mineiras.
  • Que a estimación de postos de traballo indirectos (1000) é totalmente incerta e aleatoria, porque no seu momento dende a Consellería de Industria se estimaron 700, e durante o seu anterior mandato, o Presidente da Xunta fixo referencia pública a 1.400.
  • Que o ouro que a resolución considera como "fácilmente accesible", implicará a utilización diaria de 1,49 toneladas métricas de cianuro de sodio durante o proceso de lixiviación, cuxo transporte por estrada e utilización industrial implica un grave risco.
  • Que en absoluto foron considerados os efectos permanentes que un proxecto mineiro a ceo aberto destas características pode deixar a longo prazo, como a contaminación de caracter atmosférico, edafolóxico e a nivel de augas superficiais e subterráneas, especialmente cando a explotación finalice a súa vida útil de operación.

Protestas da Plataforma en Defensa de Corcoesto.

Critica a Plataforma en Defensa de Corcoesto, a "desinformación das autoridades ambientais galegas tras non facer público o DIA o mesmo día que envía a nota de prensa. Denuncia ademais que "a exposición pública do proxecto xa foi no seu día un despropósito. Unha lei publicada este ano e que regula os proxectos industriais estratéxicos, permitiu aos mineiros canadenses a tramitación conxunta do proxecto e o seu estudo de impacto ambiental nun tempo récord".

E protestan que "a día de hoxe, os veciños seguen sen coñecer o estado das concesións mineiras (que sospeitan que poderían estar xa caducadas) a pesar de ter demandada esta información reiteradas veces dende o pasado mes de agosto, e mesmo ter solicitado o amparo do Valedor do Pobo".

E aseguran incidindo en que "van a estudar con detalle a declaración de impacto ambiental unha vez sexa publicada, e vai solicitar os informes que avalíen dita declaración", e denunciarán en todas as instancias se atopan incongruencias.

Máis información

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).