mércores. 30.04.2025
El tiempo

As mulleres emprenden en casa

As mulleres emprenden en casa
A Casa da Muller da Fundacion Eduardo Pondal 2 A Casa da Muller da Fundación Eduardo Pondal

Fin de semana de protagonismo feminino na zona de Bergantiños. Dúas citas nas que as mulleres emprendedoras puideron compartir as súas experiencias e seguir animando ao resto de veciñas a dar un paso adiante. Imos ata Ponteceso e Malpica, para coñecer ducias de experiencias que ademais fan do local unha seña de identidade.

A Casa da Muller

A Casa da Muller da Fundacion Eduardo Pondal 2 A Casa da Muller da Fundacion Eduardo Pondal

Celebraba este domingo a Fundación Eduardo Pondal, a Xornada das mulleres emprendedoras "A Casa da Muller 2015". Un bo espello no que o resto de veciñas da bisbarra se poderían fixar para dar o salto e emprender unha viaxe económica, unha viaxe persoal, e armar un negocio propio.

Falaron varias mulleres relacionadas co mar, como a percebeira do Roncudo Mª Carmen, ou a Redeira da Illa da Estrela de Corme, Rosa. Ambas falaron da necesidade de unirse para medrar en conxunto.

Pero non foron as únicas. A FEP xuntou na aldea do Couto a unha ducia de bravas mulleres que teñen o seu propio negocio. Presentaron os seus negocios e compartiron as súas experiencias nesta singradura Pamela de Lencería Menina, Sheila de Parafarmacia Horizonte, Olga da imprenta Axuste Gráfico, Cristina de Xoiería Romar, Mª Teresa do taller de costura Copremu, Marta de O mundo ao revés, Vanesa de Petit Moda Infantil, Teresa de Academia Bitácora, Fátima de DEINDO Ideas, Laura de Floristería Flor y Campo, Ana Teresa e os seus Tapices, María da librería A Tenda dos Libros, Luz de Asesoría Gespyme, Sheila de Servicios a Comunidade +Vida, Eva Senande e a súa Fisioterapia, Inma de Río Collazo Nautica e Adela de Seteando en Cabana de Bergantiño.

Unha completa batería de exemplos de emprendemento, facendo fincapé no complicado dos comezos, e animando ás administracións a botar unha pequena axuda aos que arrincamos.

Día da Muller en Malpica

Dia da Muller en Malpica con Fademur Dia da Muller en Malpica con Fademur

Celebraban en Malpica o Día Internacional da Muller Rural nunhas xornadas organizadas por Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR). Unha sesión na que ducias de mulleres da zona bergantiñá comprobaron a relevancia do seu papel nesta sociedade.

Xurdiron reflexións sobre a falta de emprego no mundo rural, pero a idea principal era renderlles homenaxe ás mulleres do noso rural que construiron a Galicia que hoxe somos.

Recordaron datos como que só un 23% das persoas que traballan no sector primario en Galicia son mulleres, poñendo de manifesto a discriminación que aínda sofre este colectivo en traballos considerados históricamente “de homes”.

Neste sentido, o presidente da Deputación, González Formoso, reivindicou o “gran avance” que supuxo a Lei de titularidade compartida das explotacións agrarias, “unha lei para a igualdade que sitou a España na vangarda do recoñecemento dos dereitos das mulleres rurais” e coa que se pretendía profesionalizar a actividade agraria das mulleres, cotizando polo seu traballo e beneficiándose de subvencións e prestacións sociais en igualdade de condicións cos homes.
“Sen embargo esa igualdade legal non se ten convertido nunha igualdade real”, afirmou González Formoso, que lembrou que dende a entrada en vigor da lei en 2011 moi poucas mulleres se teñen beneficiado dela debido “ás trabas burocráticas e á falta de información”, motivo polo que pediu “un maior compromiso e unha maior implicación das administracións públicas” na súa difusión e na aplicación.

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).

Comentarios