Venres. 03.05.2024
El tiempo

Un bo Caldo de Gloria e moita poesía para celebrar o Día de Rosalía en Cabana

CABANA - DÍA DE ROSALÍA 3
As mulleres de Son de Cabana facendo o Caldo de Gloria
Un bo Caldo de Gloria e moita poesía para celebrar o Día de Rosalía en Cabana

A Escola de Vela de Cabana acolleu este xoves 23 de febreiro un emotivo acto de conmemoración do 186 aniversario do nacemento da poeta Rosalía de Castro. Participaron neste Día de Rosalía representantes da Asociación Íntegro; da xuntal local de Cabana da AECC; de Cáritas de Cesullas, Canduas e Borneiro; a poeta cabanesa, Matilde Vilariño, as integrantes de Son de Cabana e o alumnado da escola municipal de teatro.

As máis madrugadoras foron as mulleres de Son de Cabana elaborando do popular ‘caldo de gloria’, ao que lle dedicou un poema a autora compostelá.

De gastronomía pero tamén de poesía. As participantes trasladaron os seus versos ao eido musical coa interpretación dun poema de Rosalía musicado por Silvia Losada.

Ademais unha delegación da Asociación Íntegro efectuou unha lectura de poemas con música de fondo, mentres que representantes da xunta local de Cabana da Asociación Contra o Cancro e de Cáritas de Cesullas, Canduas e Borneiro optaron por recitar algúns dos versos máis sobranceiros da autora como os do poema “Eu cantar, cantar, cantéi”.

Pola súa parte, o alumnado da escola municipal de teatro realizou unha interpretación na que se recreou a vida da poeta e a súa relación sentimental co seu marido, o tamén escritor Manuel Murguía.

CABANA - DÍA DE ROSALÍA

Á xornada tamén se sumou a voz da poeta cabanesa Matilde Vilariño quen homenaxeou a Rosalía a través da lectura dun poema que ela mesma escribiu na honra da compostelá.

Como peche ao acto, procedeuse á degustación do caldo de gloria e fíxose entrega a todas as persoas asistentes dun marcapáxinas conmemorativo, en cuxo reverso se inclúen os versos do poema Miña Casiña, meu lar, no que se explica a elaboración desta receita.

Comentarios