Venres. 03.05.2024
El tiempo

Cabana focaliza esforzos no Martes de Entroido

  • O Concello presenta a programación cultural do primeiro trimestre
ENTROIDO CABANA copia
ENTROIDO CABANA copia
Cabana focaliza esforzos no Martes de Entroido

O Concello de Cabana de Bergantiños presenta a súa programación cultural para dinamizar os meses de febreiro e marzo, con especial protagonismo á celebración do Entroido.

Deste xeito, o 13 de febreiro, martes de Entroido, o pavillón municipal acollerá desde as 17.00 horas unha gran festa con inchables, música, degustación de doces e a partir das 18.30 horas terá lugar o concurso de comparsas, cuxa inscrición se manterá en vigor ata o 12 de febreiro, con premios en metálico para os gañadores. Haberá tamén pasarela de disfraces infantil con merenda de balde para os participantes e a xornada culminará coa actuación do dúo ‘Primera Fila’.

Máis eventos

O día 23 de febreiro conmemorarase o Día de Rosalía de Castro na Escola de Vela cunha actividade programada para as 11.30 horas que incluirá un obradoiro e posterior degustación do Caldo de Gloria sobre o que escribiu a poeta. Tamén haberá unha lectura colectiva coas intervencións de Matilde Vilariño, membros da xunta local da AECC, a Asociación Íntegro e a escola municipal de teatro e Son de Cabana.

Os días 17 e 24 de febreiro, ambos sábados, terá lugar un curso de primeiros auxilios en horario de 09.00 a 14.00 horas na Casa de Cultura. As inscricións poderán realizarse desde o 29 de xaneiro ata o 2 de febreiro.

Pola súa parte, o 8 de marzo conmemorarase o día da Muller cunha visita e un roteiro a Ferrol. As persoas que desexen asistir poderán anotarse desde o 19 ata o 23 de febreiro.

Os sábados, 9 e 16 de marzo celebrarase un obradoiro de autodefensa para mulleres ante situacións violentas impartido por especialistas da Federación Galega de Loita pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. As clases impartiranse na sala multiusos do pavillón municipal en horario de 16.00 a 20.00 horas. O prazo de inscrición será do 19 ao 23 de febreiro.

A programación rematará o 21 de marzo cun acto de homenaxe ao sol que servirá para despedir a invernía e darlle a benvida á primavera.

Conciliación co Meniñeiro e novos bailes sociais

Os domingos 11 e 25 de febreiro así como o 10 e 24 de marzo volverán os bailes sociais ao centro de día de Neaño coas actuacións de Judith Cundíns, Martín Carrión, Rocío Pérez e o Dúo Show. Todos eles serán ás 19.00 horas.

Ademais, con motivo das vacacións de semana santa, o Concello promoverá unha nova edición do Meniñeiro desde o 25 ata o 27 de marzo. Inscricións desde o 4 ata o 8 do mesmo mes.

MÁIS CITAS DO ENTROIDO

Comentarios