A cabanesa Ana Varela faise co Premio do Concurso de Poesía do Concello de Mos
Coñecemos moito a Ana Varela do seu activismo medioambiental. Natural de Corcoesto, leva pelexando coa Asoc. Petón do Lobo en defensa do noso patrimonio natural. En paralelo, imos coñecendo a súa carreira como autora de novelas, e agora descubrimos a súa faceta poética.
Vén de gañar o II Concurso de Poesía “Escribe un poema a María Magdalena” que outorga o Concello de Mos. O certame reuniu un total de 40 poemas participantes nas categorías xuvenil e adultos, e a cabanesa levou o premio na categoría adulta. Fíxoo baixo o pseudónimo “Limiar Cero”, e co poema [código de erro: memoria.non.borrable].
O segundo premio en adultos foi para M. Carmen Pereiro Oliveira, co pseudónimo “Camelia”, pola obra Fuxir do espazo.
Na Categoría A, correspondente á modalidade xuvenil, o primeiro premio foi para María Teresa Pérez García, que participou baixo o pseudónimo “Alumna Avantaxada”, co seu poema Escola de mulleres bravas. O segundo premio recaeu en Adriana González Leira, co pseudónimo “Quevedo”, pola obra Arela dos ventos.
