sábado. 22.11.2025
El tiempo

“Coca nos cantís”, a oitava novela da avogada, activista e escritora Ana Varela

Libro Ana Varela Coca nos Cantis
“Coca nos cantís”, a oitava novela da avogada, activista e escritora Ana Varela

Coñecemos moito a Ana Varela do seu activismo medioambiental. Natural de Corcoesto, foi unha das persoas que librou á comarca do delirio mineiro, pero ademais, a través da Asoc. Petón do Lobo, ten paralizado ducias de proxectos eólicos invasivos en toda Galicia.

Pero ademais do seu traballo como docente e como avogada, Ana tamén se dedica a escribir, e vén de sacar a súa 7ª novela. Alá van obras como “Dólares americanos”, “El misterio de los crímenes de Corcoesto”, “La daga y el centurión”, “As mozas descalzas”, “A muller das brañas” e “O enigma da aguia de Monte Faro”, Ana lanza agora “Coca nos cantís”, un thriller ambientado na Costa da Morte que mestura narcotráfico, corrupción política, investigación policial e vidas cotiás atravesadas pola presenza constante do mar.

A historia arrinca cunha descarga nocturna de cocaína na praia de Beo, levada a cabo por un grupo de homes que traballan para Xácome Loureiro, un alto cargo político cunha dobre vida como narco. A operación parece rutineira, pero un erro —un fardo esquecido entre as rochas— pon en marcha unha cadea de consecuencias inesperadas.

Unha bióloga, un sarxento, unha capitana, un asasinato combinan protagonismo cos persoeiros como mozos de discoteca, transportistas, influencers cuias tramas van cruzándose: a droga esquecida, a bióloga que sabe demasiado, o policía corrompido e o homicidio de Albertino converxen nun escenario de tensión crecente marcado polo silencio e as mareas. Porque, como repiten varios personaxes, “o mar devolve o que non quere gardar”, e nesta historia nada permanece oculto para sempre.

Comentarios