Sábado. 06.06.2020
El tiempo

COGAMI imparte un curso de administrativo a 14 persoas con discapacidade de Íntegro

COGAMI imparte un curso de administrativo a 14 persoas con discapacidade de Íntegro

Que importante é a formación específica para unha real inserción laboral. Téñeno claro tanto en Íntegro como en COGAMI, que desenvolven este semestre un curso de administrativo para 14 persoas co certificado de discapacidade (un mínimo do 33%), a través dun convenio coa Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

O Curso AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas) de Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais é moi completo. Son 448 horas lectivas que se imparten ata o día 13 de abril, en horario de 9:30 a 14:30 horas, e está dividida nos seguintes módulos: técnicas administrativas básicas de oficina, operacións básicas de comunicación, reprodución e arquivo, prácticas profesionais non laborais, ademais das materias transversais de inserción laboral, sensibilización medioambiental e na igualdade de xénero, ademais de formación para a igualdade.

O alumnado son 10 homes e 4 mulleres, con idades comprendidas entre os 21 e os 52 anos, que proceden dos concellos de Malpica (2), Coristanco (2), Laxe (2), Vimianzo (1), Zas (1), Cabana de Bergantiños (1) e A Laracha (1).
A maioría das persoas que forman parte do curso traballaron anteriormente en sectores diversos como a limpeza, operario de almacén, reparto, hostalería, comercio, construción, transporte, asistencia domiciliaria ou sectores cárnico e forestal.

Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 523 persoas inscritas na comarca de Bergantiños e 72 persoas inscritas na comarca de Soneira.

comentarios