luns. 02.12.2024
El tiempo

Cova Crea alerta sobre o estado de abandono da carballeira de santa Mariña do Remuíño de Corcoesto

Cova Crea alerta sobre o estado de abandono da carballeira de santa Mariña do Remuíño de Corcoesto
Unha contorna natural coma esta non merece o estado no que se atopa. Segundo informa a asociación Cova Crea a carballeira de santa Mariña do Remuíño, situada na parroquia cabanesa de Corcoesto, está nun estado de abandono así como a capela que data do século XVII. Así o recollen nun informe que presentarán proximamente ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Asemade, no informe solicítase un plan de actuación urxente para o seu acondicionamento e debida recuperación. O informe elaborado pola asociación pon de manifesto a rotura da valla de madeira que protexe a carballeira, ao pe do río Anllóns, a rotura das mesas da área recreativa e das pontes de madeira que cruzan o regato do campo da carballeira, cuxo estado supón un perigo para os peóns e viandantes. Por outra parte, a organización asociativa solita que a Consellería de Medio Ambiente declare baixo a categoría de "árbores senlleiras" boa parte dos carballos que forman a carballeira de santa Mariña ao amparo da Lei de Conservación da Natureza de Galicia. Solicita tamén a urxente protección dalgunhas das árbores ameazadas por planta exóticas invasoras e a prohibición de que os vehículos tipo quad accedan ao recinto debido a que deforman o terreo e destrúen o hábitat de especies de flora protexida como a centaurea ultreiaie, restrinxida á provincia da Coruña e endémica de santa Mariña na época de floración, ou a crepis novoana, en perigo de extinción. Igrexa parroquial Neste documento tamén se denuncia o abandono do patrimonio arquitectónico relixioso da parroquia de Corcoesto por parte da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Un claro exemplo é a igrexa parroquial que ten o teito con tellas esnaquizadas que supoñen unha vía de entrada para as humidades no retablo do altar maior. Aquí tamén se pon de manifesto o deterioro do alumeado público da igrexa, con farolas destrozadas polo paso do tempo. Cova Crea pide que se teña en conta o relevante papel histórico-relixioso que nos séculos XVI (finais) e XVII desempeñou o traslado do culto á virxe de santa Mariña desde a parroquia de Niñóns (Ponteceso), ao meandro do río Anllóns en Corcoesto para poñer a salvo o culto dos corsarios ingleses e morisco que asaltaban intermitentemente as costas galegas.

Comentarios