![Luís e Noelia foron os noivos da prevoda medieval de Riobó (Foto Xosé Manuel Varela)]()
Celebrábase a pasada fin de semana na parroquia cabanesa de Riobó a cuarta edición de Unha Noite no Medievo. Ameazaba a chuvia dende as primeiras horas da mañá, pero todo quedou nun aviso e Riobó encheuse de xente.
A praza da pequena parroquia foi acollendo xente dende as 17:00h cunha exposición de artesanía con cabazos, teares ou cestos, ou tamén con actividades para os máis pequenos, como inchables, paseos a cabalo e xogos populares.
Foi Fermín da Feira Nova quen leu o pregón, un pregón que viña en verso e con gran presenza de nostalxia, ao lembrar lugares da infancia do pregoeiro, como Silvarredonda, ou O Perrol. Fermín non perdeu a oportunidade de personalizar máis o pregón, e incluso cantou algunhas coplas a raíz do mesmo.
O teatro e a música xurdiron como o combustible que evitaba que se apagaran os ánimos en Riobó. Así, a representación da obra Arrieiros foi unha garantía de espectáculo. Un espectáculo medieval representada polo grupo de teatro Os Quinquilláns. Nos entreactos triunfou o Home Orquestra de Viveiro. A dinamización gaiteiril veu da man de catro músicos da banda de gaitas Inllar de Ponteceso.
Prevoda
Pero o momento cumio chegou ás 20:30 coa prevoda medieval. A praza estaba chea de xente. Foron Luís de Riobó e Noelia de Corcoesto os que fixeron un prólogo da súa voda real, que terá lugar no mes de setembro. Os noivos cumpriron o guión e puxéronse aneis de madeira, bailaron enriba do escenario e comprómeteronse eternamente, para pechar co bico.
Por último, a gastronomía tamén serviu como reclamo para todos aqueles que quixeran marchar ceados para a casa. Bolos preñados, filloas á pedra, chulas, churrasco e chourizo crioulo satisfixeron os padais máis famentos.
A nota negativa do evento foi a cancelación do concerto do grupo O Tren da Unha por mor da intensa chuvia coa chegada da noite. Esta actuación terá lugar durante as festas patronais de Riobó.
Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa do Concello de Cabana de Bergantiños.