mércores. 30.04.2025
El tiempo

Dano Cerebral Galicia leva unha charla sobre prevención a Cabana

charla-aprox-dca_cartel_CABANA copia
Dano Cerebral Galicia leva unha charla sobre prevención a Cabana

Dano Cerebral Galicia, a Federación que reúne as cinco asociacións desta discapacidade que hai na nosa comunidade autónoma, leva este vindeiro martes 8 de abril a Cabana unha charla que ten como obxectivos informar sobre as causas -como o ictus ou os traumatismos cranioencefálicos-, describir as secuelas, sensibilizar sobre a prevención, e achegar referencias sobre os recursos de atención ao dano cerebral adquirido dispoñibles na contorna da localidade de Bergantiños.

Esta sesión informativa está organizada en colaboración co Concello de Cabana de Bergantiños, e vai ter lugar o martes 8 de abril ás 11:30 no Centro de Maiores (O Balado - Cesullas). É unha actividade aberta a todo tipo de público, dunha duración estimada de hora e media.

Aínda que a asistencia é de balde, é preciso inscribirse. Este trámite pode realizarse chamando ao 981 754 020 (Concello de Cabana de Bergantiños).

Identificación e prevención do dano cerebral adquirido

O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que teñen en Galicia máis de 35.000 persoas e que está causada na maioría dos casos por un ictus ou por un traumatismo cranioencefálico (derivado sobre todo de accidentes de tráfico, pero tamén laborais, golpes, caídas...). A súa incidencia incrementouse nos últimos anos, e continúa a medrar, especialmente polo aumento de casos de ictus. 

Ese aumento está motivado tanto polo envellecemento da poboación como polos cambios nos hábitos de vida (peor alimentación, máis sedentarismo, estrés, e moitos outros), ambos factores de risco do ictus. Ademais, o desenvolvemento da atención médica de emerxencias provoca que se salven vidas que continúan, pero con discapacidade adquirida.

Durante a sesión informativa achegaranse recomendacións para a prevención, así como nocións sobre como identificar un ictus, describiranse as secuelas -moitas delas invisibles, como as condutuais, emocionais ou as cognitivas-, detallando as principais necesidades das persoas e familias con dano cerebral adquirido, e ofrecerase todo o abano de recursos de atención dispoñibles.
 

Comentarios