Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A incesante labor solidaria de Cáritas Cabana

Suso Castro Fondo de Caritas Cabana
Suso Castro Fondo no edificio do antigo Concello cabanés
A incesante labor solidaria de Cáritas Cabana

Unha das entidades que teñen o seu centro de operacións na Casa da Telleira, o antigo concello de Cabana, en Neaño, é Cáritas Cabana. Son unhas 18 persoas, das parroquias de Borneiro, Canduas e Cesullas as que colaboran para facer desta entidade unha verdadeira referencia en materia de axuda aos necesitados.

Como aquela familia ucraniana acollida na Mata, ata onde se desprazaron as voluntarias de Cáritas para facerlle chegar roupas, alimentos, algo de cartos e moito cariño.

Así nolo conta María Jesús Varela, unha das súas activas, que aínda mantén o contacto coa familia asentada en Alemaña. María Jesús é unha das que axuda ás familias venezolanas que se veñen asentando dende a pandemia, e que gracias á boa acollida da veciñanza xa teñen, en boa medida traballo.
Ultimamente tamén son familias cubanas, e sobre todo marroquís, as que están chegando con grandes necesidades.
Pero non esquecen ás familias locais, desestruturadas, ”ás que hai que seguir axudando si ou si” a pesar dos bandazos continuos, e que prefiren que lles leven as caixas de axuda a ter que ir buscalas e expoñerse aos ruxe-ruxe da vila.

Á fronte da entidade atópase o presidente Suso Castro Fondo. Este polivalente cabanés tamén é o Secretario do SD Cabana e toca o bombo no grupo de música tradicional “Xa era hora”. Non sabemos de onde saca o tempo para todo, pero el mesmo recoñece que “hai que estar activo!”. Falamos con el:

 
  • QPC: Primeiramente, cóntanos por que é tan importante a labor de Cáritas?

Xa fai anos que existe. María Jesús foi a presidenta, e se dedicaban a axudar a xente do entorno co roupeiro. Chegou un momento no que me ofreceu poñerme á fronte e eu quería axudar. Aí ampliamos algo, con reparo de alimentos cada 15 días, por exemplo. A día de hoxe estamos nas 3 parroquias e axudamos a xentes de Cabana, pero tamén de Ponteceso, onde hai moitas familias inmigrantes con necesidades.

 
  • QPC: Dime 3 cousas de Cáritas que che fan sentir orgulloso.

Cando lle das axudas directas a xente que necesita axuda de verdade, como pagarlle un recibo, é algo importante. Síntome orgulloso de poder atender a xente de concellos limítrofes, como Ponteceso, onde non hai tanta infraestrurura social. E poder axudar á familias que veñen solicitando axuda alimentaria é un orgullo para min e para todo o conxunto de voluntarios.

 
  • QPC: A cesión dos locais, unha axuda de 1.000 euros ao ano. Cres que o apoio municipal é suficiente? En que se podería mellorar?

O apoio municipal do Concello de Cabana é moi bo. Todo o que necesitamos, dentro das súas posibilidades, sempre nos axudan. Agora mesmo a colaboración co Concello é moi boa.

 
  • QPC: Como ves, a nivel social, a comarca? Cres que temos unha sociedade solidaria? Ou cres que cada un vai ao seu?

Eu pódoche falar a nivel Cáritas, e a xente axuda moito. Todos os primeiros domingos de mes a colecta que se fai nas igrexas vai para Cáritas e a xente colabora moi ben. Recibimos tamén moita roupa, e ás veces témola que mandar para Santiago.

 
  • QPC: Como está o tecido asociaciativo de Cabana?

Agora mesmo non está moi alá. Aquí había varias asociacións, por exemplo había unha en Canduas moi activa que se chamaba Xudecan (de Xuventude de Canduas), pero a rapazada cansou.
En Cesullas tamén había varias, como o O Fol de Neaño, onde fixo dano a pandemia…
No tema do fútbol si que se está traballando ben, coa base como referente.

 
  • QPC: Se cadra o relevo xeracional é un dos grandes problemas para as Asociacións?

Claro, a xente vaise facendo maior e a xente nova teñen outras cousas nas que gastar o tempo. Parece que se lle fai máis caso á internet e se descuida algo o que tes ao lado.

 
  • QPC: Andas tamén a nivel futbolístico. Como definirías o Fútbol da Costa para os que non o viven dende dentro coma nós?

O Fútbol da Costa, como todo, pegou un baixón de asistencia aos campos. Pero os equipos seguen estando aí, tendo boa formación de adestradores, moitos grupos de rapaces e facendo unha labor impresionante. O Fútbol da Costa é un referente na provincia.

 
  • QPC: E que me dis desa labor social que fai o club, o SD Cabana?

Pois mira, nós temos equipos de veteranos, senior, cadete, infantil, F8… En total seremos máis de 120 fichas, e o club traballa moi ben, e hai moita xente de Laxe, Baio, Ponteceso… que queren vir para aquí polo ben que se traballa coa base.
Cabana é un concello bastante rural, sen un núcleo importante, pero creo somos un referente na Costa no tema das categorías base.

 
  • QPC: E esa afección pola música?? Que che aporta tocar nun grupo?

Eu empecei, algo tarde, cun sobriño que teño, na Coruña a dar clases de gaita. Pero deixeino porque… coa gaita é moito que soplar. Despois, ao xurdir o grupo “Xa era hora” uninme pero na percusión, e toco o bombo.
A verdade é que aporta moito, porque gústache, estás cos compañeiros, despois vas tomar algo con eles. A min encántame. Ensaiamos polo menos un día a semana… e este verán estamos tendo moita saídas, xa estivemos en Corme, Brantuas, San Fins…
Se chegas a unha idade e non estás activo, malo… Eu activo estou, non me falta que facer!

 

Novas relacionadas

Comentarios