Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Mata, a comprometida pousada dunha familia de refuxiados ucraínos

Familia Ucraina en A Mapa
O pobo da Mata despediuse da familia ucraína no Bar Josefa
A Mata, a comprometida pousada dunha familia de refuxiados ucraínos

”Temos moita pena de que marchen”. Así reflexiona, entre as súas bágoas e as de Helena, Erundina, unha das veciñas da Mata que máis se volcou para axudar a unha familia de ucraínos que levan case 2 meses na vila. “Nós tamén fumos emigrantes, e non é o mesmo que escapar dunha guerra pero sabemos o que é estar lonxe da casa”, explicábase.

Xunto a Erundina, Antonio da Serra, Divina, Benigna, Manuel da Tranqueira, Anita do Bar Josefa, Jorge, os do Castro, os de Casais, os do Rei da Barcia, os da Costureira, os da Tranqueira, os de Juan de Meixoeiro, Marisol da Parroquia de Nantón, María Jesús e Suso de Cáritas, Ernesto de Rama, os de Rellán, os de Maruja da Chouza, Jesús da Panadería Josefa de Carballo… a vila enteira fixo o posible por facerlle a fuxida menos crúa a esta familia. Ovos, patacas, repolos, carne, peixe… enchían a nova cociña desta familia. Non faltou tampouco a solidariedade do lugar cando fixeron falta medicamentos, roupa, taxis, ir ao dentista, ou mesmo cartos.

”Queremos que volvades pronto a esta a vosa, ao voso pueblo”, dicíanlles Erundina, Divina, Benigna e Antonio da Serra á familia, na despedida que lle brindou o pobo cabanés este pasado sábado diante do mítico Bar Josefa (o corazón da Mata e unha referencia gastronómica da comarca de Bergantiños), coincindo ademais coa “comida de homes da Mata” que fan cada ano.

Os problemas coa lingua non foron impedimento para collerse cariño e ata as máis maiores da vila aprenderon a usar o tradutor do teléfono para comunicarse e preguntar polas súas necesidades.

Vai para dous desde Yuri, Elena, Veronica, Evgeny, Natalia e Demyan chegaron á Mata. Dous meses de traquilidade, de respiro despois dunha escapada inhumana, nos que puideron reflexionar e pensar o seu futuro con certa serenidade. “Non sabemos se imos poder volver algunha vez á nosa cidade. Pero o máis importante é que Járkiw non caia en mans dos rusos”, reflexionaba Natalia un par de días antes da súa marcha. Van camiño de Alemaña, na procura de amizades, e un futuro máis cercano á súa casa, a pesar da incerteza continua que supón ir buscando un fogar, entre vídeo e vídeo dos destrozos que está sufrindo a súa vila, o seu país, a súa xente.

A guerra en Jarkiw
Imaxe da guerra en Jarkiw
O edificio da familia
Así quedou o seu edificio polos bombardeos

Unha fuxida

Era 23 de febreiro, e nada facía presaxiar o que ía acontecer un día despois. Yuri e Elena traballaban nunha clínica de fisioterapia e masaxe, mentres a filla pequena Nika (9 anos), ía á escola. A súa outra filla, Natalia (29 anos), traballa como deseñadora gráfica para unha multinacional, mentres vive na moderna Járkiw (a segunda cidade máis grande do país) co seu marido, Evgeny, enxeñeiro eléctrico, e o pequeno Demyan (2 anos). Aínda dera tempo a algo de parque na fría tarde daquel 23 de febreiro.

Eran xa as 5:00h do 24, cando comezaron a soar bombas (neste caso non eran as molestas bombas de palenque das festas patronais) e as alarmas. Correndo, sen saber moi ben, cara o metro, que facía de bunker. Medio millón de persoas en apenas dúas horas estaban sumerxidas nos túneles que atravesan a cidade, mentres as bombas rusas destrozaban o centro da vila.

escenas da fuxida dende Ucraina
Escenas da fuxida en Ucraína

Alí pasaron case unha semana, puidendo subir media hora ao seu piso, pouco despois destrozado, para recoller unhas poucas cousas. O frío e a falta de alimento e auga combatíanse con confraternidade, pero a realidade é que vivían tempos de "sálvese quen poida".

De alí, en canto puideron, desprazáronse ata o leste de Ucraína, onde estieron estiveron outra semana nunha aldea de nevadas montañas. E de aí, á fronteira con Moldavia,

Foi aí cando contactaron, a través das redes sociais, con Fabrizzio, un mozo coruñés que ofrecía axuda a todo aquel que a necesitase. O contacto frutificou e a familia confiu na súa palabra para decidirse a atravesar Europa e ir probar sorte á esquina máis occindental do continente, a case 5.000 km do seu fogar.

Fabrizzio contactara con varias entidades. Pero a prioridade da familia era permanecer xuntos, cos seus 2 gatos e un can (existe un protocolo complexo arredor da problemática da rabia en Ucraína, que foi solventado por un veterinario da Xunta tremendamente comprometido), o que dificultaba os protocolos de acollida ordinarios a través de ACCEM. Foi aí cando Fabrizzio contactou con AGA, a nova ONG coruñesa nacida a raíz da guerra. Tiñan rexistrada unha casa na Mata, pois a familia Cerqueiro Romo a puxera á súa disposición se fose necesario ao comezo do conflito. Non o dubidaron, debido á urxencia, en aceptar marcharse para alí.

Os dous homes fixeran 4.000km no coche para chegar á Mata, e as dúas mulleres coas crianzas viaxaban en avión.

A chegada foi algo estrana para eles. Dunha cidade de 1,5 millón de habitantes, á A Mata, unha pequena aldea do interior Cabana de Bergantiños que apenas debe ter medio centenar de casas.

Tiveron tempo para visitar varias entidades na Coruña, e mesmo para coñecer en Corme a esas familias chegadas a través dunha comprometidísima Fundación Mencer, a través da cal Ramonchín se esforzaba por facilitar todas as necesidades que tivera a familia acollida no concello veciño.

Apareceu aí o pobo da Mata, para facerlles sentir como na casa, e permitirlles pasar case dous meses de tranquilidade e caiño. Un pobo que espera que a familia consiga refacer a súa vida onde poidan, pero xa lles trasladou que A Mata será para sempre un fogar para eles.

Ucrainos chorando na Mata
A ucraína Helena chorando rodeada das solidarias mulleres da Mata Divina, Erundina e Bengina

Comentarios