Íntegro achegou a diversidade a un cento de alumnos de Ponteceso e Vimianzo


Segue a Asociación Íntegro traballando pola normalización da diversidade dende a escola. Esta semana foron 100 estudantes de VImianzo e Ponteceso os que viviron na súa propia pela o programa de sensibilización e normalización inclusiva. Por unha banda, a campaña de prevención de lesións medulares chegou ata as aulas de 4º da ESO do IES Eduardo Pondal de Ponteceso e, pola outra, o Centro de Recursos de Nantón acolleu unha nova edición do “Visítanos”, na que participaron preto de 60 nenos e nenas do CEIP San Vicenzo de Vimianzo.
O regreso ás aulas despois da Semana Santa no IES de Ponteceso chegou con novidades, polo menos para os 34 alumnos e alumnas de 4º da ESO que participaron na campaña de prevención de lesións medulares, organizada pola entidade para concienciar aos máis novos/as sobre a necesidade de evitar sinistros, na súa maioría, irreparables. E sobre as causas e consecuencias dos accidentes medulares xirou a xornada de onte, na que ademais de proxectarse o novo vídeo da campaña deste ano tamén se celebrou unha charla-coloquio cos estudantes, que se amosaron moi participativos/as e interesados/as, especialmente durante o relato de varias testemuñas reais, vítimas de lesións.
Visítanos!
Quen marchou coa lección ben aprendida foi o alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP San Vicenzo de Vimianzo, tras o seu paso onte polas nosas instalacións de Nantón dentro do programa Visítanos, unha acción englobada no programa Capacíta-T dirixida a sensibilizar aos máis pequenos en materia de diversidade e inclusión. Tras abordar o significado destes conceptos, para descartar ideas preconcibidas e, ás veces, erróneas, proxectouse un vídeo explicativo titulado “Lo incorrecto”.
Despois dunha visita completa polas instalacións, obradoiros,… cada equipo expuxo as súas impresións sobre o aprendido no centro e entre todos/as confeccionaron un mural co máis destacado do seu paso pola entidade, no que seguro figuraban as palabras diversión e aprendizaxe.
Queres visitar Íntegro
Desde Íntegro animan a todos os centros educativos da Costa da Morte a participar nos diferentes programas educativos que temos en marcha (Diverescola, Visítanos, Prevención de lesións medulares) e apostar por unha educación inclusiva, rica en valores e comprometida coa diversidade.Novas relacionadas
- Escolares de Cabana coñecen dende dentro á familia de Íntegro.
- Íntegro leva ao CPI As Revoltas a súa campaña de prevención de lesións medulares.
- O programa Diverescola de Íntegro retoma as aulas
- Íntegro comeza 2018 co seu novo calendario solidario
- O alumnado do CEIP de Zas coñece Íntegro
- Íntegro e Adisbismur concéntranse por unha Sociedade #SenBarreiras4D
- “A ti tamén che pode pasar”. A nova campaña de Íntegro pola prevención das lesións medulares.
- Usuari@s de Íntegro gozan da praia e do mar das Rías Baixas.
- Íntegro leva a súa campaña de prevención de lesións medulares ao CPI Alcalde Pichel.
- Íntegro e La Caixa poñen en marcha un novo programa de formación dirixido a persoas con diversidade funcional
- Alumnado do CEIP Labarta Pose de Baio visitan as instalacións de Íntegro
- As emocións brillan no 25 aniversario de Íntegro
- Íntegro celebra os seus 25 anos
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
- Asociación Íntegro