Íntegro inicia unha campaña de limpeza de praias na Costa da Morte da man de Diversiplás

Xa contamos que o proxecto Diversiplás da familia de Íntegro, segue medrando. A seguinte acción, para darlle forma a esta iniciativa de economía circular e inclusión, é unha nova campaña de sensibilización ambiental centrada na limpeza de praias e espazos naturais pola Costa da Morte.

Do 13 de setembro ao 2 de outubro, realizaranse diversas actuacións en diferentes areais e zonas verdes do noso litoral co obxectivo de reducir o impacto dos plásticos mariños, darlles unha segunda vida e, ao mesmo tempo, concienciar sobre o coidado do medio ambiente.

Ademais de retirar residuos, as limpezas buscan concienciar á cidadanía sobre a importancia de coidar o mar e o litoral, lembrando que unha parte importante dos plásticos que chegan ao océano proceden da actividade pesqueira e marisqueira. Desde Diversiplás, estes materiais recóllense, transfórmanse e convértense en novos produtos, reducindo a contaminación e xerando novas oportunidades para persoas con diversidade funcional.

Esta nova acción está dirixida a todas as persoas preocupadas polo coidado da nosa contorna.  Para participar, abonda con inscribirse chamando ao 981 734 985 ou ao 650 961 649. 

Calendario de limpezas 

  • Sábado 13 de setembro, 13:30 h – Praia do Pendón (Cabana de Bergantiños)
  • Mércores 17 de setembro, 11:00 h – Praia de Muxía
  • Martes 23 de setembro, 10:30 h – Praia por confirmar no Concello de Carballo. Acción desenvolvida en colaboración coa Cruz Vermella Carballo
  • Xoves 2 de outubro, 11:00 h – Praia e zonas verdes de Ariño (Camariñas)

Esta iniciativa conta co apoio do GALP Costa da Morte, da Consellería do Mar e do FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura da Unión Europea), entidades que fan posible levar a cabo este proxecto de economía circular e sensibilización ambiental.

Máis novas