45 usuari@s de Íntegro crean elementos reciclados co proxecto Diversiplás
O proxecto DIVERSIPLAS, +Diverso –Plástico, segue dando nova vida a unha marea de lixo plástico mariño. Son 45 usuari@s da Asociación Integro das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte as que executan as labores de reciclaxe e creación de diferentes útiles, neste proxecto de economía circular encamiñada á inclusión socio-laboral das persoas con discapacidade.
Os usuari@s contan dende este mes de outubro cun espazo ideal para o proxecto, despois das obras de acondicionamento do almacén–garaxe un do Centro de Recursos de Integro, para convertilo nun taller de reciclaxe, capaz de albergar a maquinaria empregada no proceso de transformación dos residuos (trituradora, extrusora, inxectora e compresora) e un pequeno aseo para uso das persoas traballadoras.
Con este proxecto, presentado a través da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), Integro dá pasos adiante na inclusión das persoas con diversidade mediante a realización de novas actividades produtivas e/ou laborais na entidade, ademais de contribuír, a través da formación e a ocupación, a unha maior e efectiva participación na vida social, ao desenvolvemento da súa autonomía e á mellora da autoestima.
O proxecto ten tamén unha parte de concienciación, na que participan moitas entidades vencelladas ao noso mar que contan xa con colectores de recollida de lixo plástico mariño para entrar na roda da reciclaxe.
Novas relacionadas
- Íntegro pechou entre bágoas e emoción o seu 30 aniversario.
- Os colectores de Diversiplás espállanse por confrarías, concellos e entidades do mar.
- Xullo 22: A torreira do Vilán e a Asociación Íntegro recibirán as Medallas Emilia Pardo Bazán.
- Xuño 22: Íntegro xa pode reciclar plástico a través do proxecto Diversiplás.