Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Diversiplás: Cando a diversidade e a sostibilidade se dan a man

Limpeza na praia de Arino con Diversiplas
Limpeza na praia de Ariño con Diversiplás
Diversiplás: Cando a diversidade e a sostibilidade se dan a man

Magnífica aposta da Asociación Íntegro pola inclusión en clave de medioambiente. O proxecto Diversiplás, nacido arredor do Proxecto Tanza, que conta co apoio do Galp Costa da Morte, e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, leva un mes de vertixe, facendo que case un cento de persoas con diversidade funcional se activen medioambientalmente a base de conciencia.

Diversiplás, + diverso – plástico trata de recuperar e poñer en valor residuos plásticos derivados da actividade marisqueira e da pesca, Precisamente, as persoas usuarias de Íntegro, principais protagonistas desta iniciativa, foron as encargadas de dar os primeiros pasos dun camiño que xa avanza cara unha contorna máis sostible e respectuosa co medio ambiente. Así, coincidindo coa chegada de setembro, arrincaron as primeiras accións de dinamización deste 2021, destinadas a sensibilizar sobre a presenza e o impacto do lixo nas zonas costeiras- tanto en praias como no litoral e nas zonas marítimo-pesqueiras- e poñer en valor as utilidades da reciclaxe do plástico, a través da creación de proxectos de economía circular.

A primeira saída á rúa non podía ter unha estrea mellor. Dentro da programación das Festiletras (Ponteceso), o pasado día 3 Divesiplás participou no Festival da Ciencia do Couto (Festiciencias) para dar a coñecer o proxecto ambiental entre a rapazada e activar a futura rede de colaboracións cos centros de ensino da contorna para a recollida de plásticos, previsto para os vindeiros meses. Adrián Coira de Precius Plastic explicou o proceso de transformación dos refugallos.

A segunda actividade, celebrada en Nantón o mércores 8, consistiu na realización dun taller informativo sobre o proxecto, dirixido á comunidade de usuarios/as de Integro, xunto cunha actividade de sensibilización centrada nos plásticos e o seu impacto no medio mariño.

As redeiras de Corme con Diversiplas
Cas redeiras de Corme Rosa e Maria Xesús

Na segunda quincena de setembro continuaron as saídas pola Costa da Morte para achegarse ao traballo que realizan os e as profesionais do mar, que tamén colaboran no proxecto. A primeira parada tivo lugar o día 15 no peirao de Corme (Ponteceso) para manter un encontro coa Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme, na que participaron preto de 30 persoas. Tras visitar o taller e coñecer de primeira man a súa actividade diaria, centrada na reparación de redes e os novos usos, tamén se interesaron por coñecer outros aspectos derivados do seu traballo como enfermidades e riscos laborais, asociacionismo, etc. Así mesmo, a diversificación do sector, orientado á confección e deseño de pezas artesanais, complementos de moda, deseño de lámpadas e/ou accesorios deportivos acaparou a atención dos/as participantes que non dubidaron en preguntar pola nova vida que lles dan aos útiles de pesca, contribuíndo así ao coidado do planeta e á súa propia reciclaxe laboral. A xornada rematou co compromiso de futuras colaboracións na recollida e clasificación de refugallos, e algúns usuarios/as probando sorte na confección de nós con cabos de rede.

A visita á Agrupación de mariscadoras da Confraría de Camariñas, realizada o pasado día 22, puxo o punto e final ao programa de actividades previsto para este mes e no que participaron preto de 75 persoas. Nunha xornada moi interesante e participativa, as persoas usuarias achegáronse ao mundo do marisqueo para coñecer a profesión máis de preto e desde dentro, da man dunha das integrantes da asociación (zonas, capturas, especies, mareas,...). Tamén se abordou a presenza de lixo mariño no medio, en boa parte derivado da actividade pesqueira, e a importancia de reciclar e manter limpo o litoral. De feito, a limpeza e recollida de refugallos que se ía desenvolver na zona de marisqueo, trasladouse á terra, ao merendeiro de Ariño, onde se procedeu á recollida dunha gran cantidade de microplásticos, que levaban días na zona e que o vento estaba empuxando cara o mar. Con paciencia e un traballo case artesanal, recolléronse un a un todos os restos de plástico, diversos fragmentos, papeis e moitas cabichas.

Integro encontro mariscadoras Camariñas copia
Cas mariscadoras de Camariñas

Futuras accións

Tras esta primeira fase de divulgación e sensibilización, a entidade traballa nunha Rede de entidades colaboradoras (centros de ensino, concellos e confrarías da Costa da Morte) para a xestión de puntos de recollida de plásticos e a creación dun taller para o aproveitamento e tratamento dos residuos plásticos obtidos do mar, que terá que agardar ao 2022.

Pronto traerán novas datas, pero se queredes colaborar, podedes facelo chamando ao 650 961 649.

Comentarios