martes. 18.03.2025
El tiempo

Íntegro lanza outra completa campaña do programa CapacítaT para chegar a 700 escolares

  • Arredor de 700 escolares da Costa da Morte participarán nas actividades de sensibilización levadas a cabo a través de iniciativas como a Diverescola, Visítanos, Diversiplás ou a campaña de prevención de lesións medulares
Diverescola de Integro en Baio
Xornada de Diversiescola en Baio
Íntegro lanza outra completa campaña do programa CapacítaT para chegar a 700 escolares

A asociación Íntegro pon en marcha unha nova edición de CapacítaT, un programa educativo que busca sensibilizar ao alumnado en materia de diversidade promovendo actitudes positivas cara a inclusión. A través de diversas actividades interactivas, arredor duns 700 escolares da Costa da Morte terán a oportunidade de reflexionar sobre crenzas erróneas e descubrir as potencialidades das persoas con diferentes capacidades.

Faino ademais en paralelo á visita que recibiron das alumnas do curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais do Concello de Carballo, para que coñezan de preto o servizo a persoas dependentes.

alumnas formacion sociosanitaria VISITA_INTEGRO copia

  

Diverescola: sensibilizando dende a infancia

Unha das primeiras actividades de sensibilización postas en marcha nesta nova edición chegou da man da Diverescola, un programa encamiñado a achegar ao alumnado de 6º de educación infantil e 2º de primaria o concepto de diversidade e inclusión real. As primeiras paradas tiveron lugar xa en varios centros de ensino dos concellos de Zas e Cabana de Bergantiños. A través de actividades didácticas e participativas, como a lectura do conto “Súper Lucía” e o visionado da curtametraxe “Historia do ourizo”, o alumnado de 2º de educación primaria pode descubrir a riqueza da diversidade e a importancia de respectar e tratar ben a todas as persoas. Pola súa banda, os pequenos/as de 6º de infantil fano a través dun contacontos guiado, adaptado ás súas capacidades e nivel de comprensión. 

No que vai de ano, xa visitaron as aulas do CPI de Zas (xaneiro) e do CEIP Labarta Pose de Baio (12/02), ademais do CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños, o pasado día 18. Para o mes de marzo, está previsto un encontro cos nenos e nenas do CIP Plurilingüe Cabo de Area de Laxe (luns 3) e xa en abril (día 8), cos do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo, en Carballo. 

Visítanos: convivencia e aprendizaxe

O programa Visítanos de Integro co CEIP Labarta Pose Baio copia
O CEIP Labarta Pose Baio visitou as instalacións de Íntegro

Dentro das accións de visibilidade e inclusión efectiva, en Íntegro levan a cabo outro programa denominado Visítanos, que permite ao alumnado de 4º e 5º de educación primaria compartir unha xornada coas persoas usuarias do centro, promovendo o intercambio, a convivencia e o desenvolvemento da empatía.

Onte mesmo, un grupo de alumnos/as do CEIP Labarta Pose de Baio (Zas) achegáronse a Nantón para gozar dunha xornada repleta de actividades que incluíu unha breve recepción e presentación sobre diversidade e inclusión; un taller de reciclaxe de plásticos para elaborar un obsequio; visita á nosa escola de cociña para preparar petiscos en colaboración cos nosos usuarios/as; elaboración de xabóns e pulseiras nos talleres ocupacionais; creación dun mural con recordo para o colexio e realización do circuíto con cadeira de rodas “Ponte no meu lugar” para experimentar en primeira persoa a mobilidade reducida.
Para o mes de marzo, agardan a visita do alumnado do CIP Plurilingüe Cabo de Area de Laxe (día 27); en abril, farano os nenos e nenas do CEIP Plurilingüe de Nétoma- Razo (día 10) e xa en xuño será a quenda dos escolares do CEIP Plurilingüe San Vicenzo de Vimianzo (día 5).

Campaña de Prevención de Lesións Medulares

Na actualidade a asociación Íntegro atende directamente a 48 persoas con diversidade funcional da Costa da Morte e ás súas familias. 

Pero ademais, para visibilizar esta realidade e traballar na prevención de lesións medulares, fan charlas polas escolas. A partir da presentación dun vídeo sobre as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular, xérase un escenario de aprendizaxe grupal, para debater e resolver dúbidas, explicando en profundidade todas as cuestións relativas a este tipo de lesións. Con estas charlas, inténtase contribuír á paulatina redución dos índices de discapacidade adquirida na poboación en xeral, e entre a xuventude en particular.

A primeira parada deste 2025 xa está fixada no calendario para o vindeiro mes de abril no CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe. Así mesmo, tamén está confirmada a participación dos tres institutos carballeses pero sen data establecida.

Diversiplás: Concienciación sobre a Reciclaxe

Diversiplás é un proxecto destinado á recuperación e valorización de residuos plásticos. No marco do programa CapacítaT fan diversas actividades de sensibilización a través do xogo, para concienciar sobre a importancia da reciclaxe de residuos plásticos dende a infancia.

Voluntariado xuvenil

Neste 2025, en Íntegro volven apostar polas persoas voluntarias para poñer en marcha un novo proxecto interxeracional que dará comezo no mes de marzo. 

Se es unha persoa activa e comprometida coa sociedade e a contorna, tes entre 16 e 35 anos, e un gran espírito solidario, chama ao 981 734 985 e infórmate!  

PIMD Rural

Por outra banda, lembran que ao longo do ano permanecerá aberto o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural (PIMDRural), promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) ao abeiro do programa operativo FSE Galicia 2014-2020. Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres recibir formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, non dubides en poñerte en contacto con nós por teléfono ou enviando un mail a [email protected].

Comentarios