Matilde Vilariño abarrota o auditorio municipal de Cabana
O auditorio municipal de Cabana quedou pequeno esta tarde de sábado para arroupar á poeta local, Matilde Vilariño Pose, na presentación da súa obra ‘Na lingua que eu falo’.
A autora, natural e veciña de Dombate, recibiu o apoio incondicional da veciñanza cabanesa nun acto que ateigou o auditorio municipal.
O acto contou coa participación de Purificación Galán, coordinadora provincial de Equipos de Dinamización de Lingua Galega da Xunta de Galicia, quen destacou a importancia que ten xente como Matilde na preservación do idioma.
Tamén participaron, Carmen Ferreiro, integrante da escola de teatro municipal, a quen Matilde animou a loitar polo seu soño de escribir, e a poeta vimiancesa, Maica Pastoriza.
Especialmente emotiva foi a participación dos seus netos Eloy e Jorge Mato Rial, principais impulsores de que a súa avoa trasladase ao papel a súa poesía. Inclusive, Eloy compartiu con todos os espectadores a representación dunha peza musical.
Ante todas estas mostras de cariño, a autora non dubidou en agradecerlle a todas as persoas alí congregadas o seu apoio incondicional, e fixo, como non podía ser doutro xeito, a través dun poema composto para a ocasión. Ademais, sinalou que nun agardara poder chegar a publicar dúas obras dado que “sempre escribín polo moito que me gustaba facelo, todo o que me está a pasar dame forzas para seguilo facendo”, indicou.