Venres. 18.10.2019
El tiempo

O drama das pensións en cifras: A Costa da Morte, un "morto vivente"

O drama das pensións en cifras: A Costa da Morte, un "morto vivente"
Unha multitudinaria festa dos Maiores da Costa da Morte Unha das típicas e multitudinarias festas dos Maiores da Costa da Morte Coñecín a unha profesor que unha vez me dixo: “Todo está nos datos, todo. O problema soe ser a mirada do que os utiliza e non ve o evidente”. No caso dos datos que estes días estou a recoller, resumir e analizar pasa algo parecido: é evidente que a Costa da Morte é un “morto vivente”, pero parece que nin os que viven nela o admiten. Como o vello propietario da empresa que acude cada día o seu despacho cando en realidade quen corta o bacallau son os fillos, nin as autoridades locais nin os administradores autonómicos parecen entender que cando un membros se gangrena, acaba por afectar ao corpo enteiro e so existen dúas opcións viables para salvar a vida; amputar ou reconstruír. A semana pasada viamos con cifras claras de que xeito unha xeración enteira ten marchado da bisbarra masivamente nas últimas dúas décadas. Hoxe quero ver a contraposición a iso porque a premisa que plantexo é sinxela: si aqueles que deberían estar gastando e cotizando para manter en marcha a maquinaria económica e comercial da bisbarra fuxen a mancheas, de onde saen os cartos que manteñen en precaria apertura o comercio local? E a resposta é sinxela: das pensións. Os datos do cadro que podedes ver pertencen a analise do IGE para os anos 2011 e 2017 de número de pensionistas e pensión media por perceptor ao mes. De estes datos sacamos varias conclusións sinxelas que apuntalan aínda mais o escenario de morte económica clínica da nosa bisbarra. Imos ao allo. Só en 6 concellos dos 18 da bisbarra hai menos perceptores que en 2011. Son Carnota (-90), Coristanco (-28), Malpica (-10), Mazaricos (-11), Ponteceso (-5) e Zas (-2). Nos outros 12 hai máis persoas que cobran unha pensión (principalmente por xubilación) en 2017 a pesares de que en 10 deles a poboación caeu estrepitosamente nese mesmo período. É dicir, hai mais vellos cobrando e menos xente pagando. Santa Comba (37,40), Vimianzo (38,59) e Cabana (43,32) foron os concellos onde menos se revalorizou a pensión media nos últimos 7 anos. De feito, en Galicia as pensións medraron de media en 110 euros por perceptor ao mes. Ningún concello da Costa da Morte revalorizou de igual xeito as súas pensións. Así, Corcubión (86,27), Fisterra (85,18) e Ponteceso (80,80) foron os concellos onde mais aumentou a pensión media neste período. En 11 dos 18 concellos da bisbarra a porcentaxe de pensionistas supera o 30% da poboación. E en Carnota e Mazaricos case 4 de cada 10 residentes censados viven dunha pensión. Outras porcentaxes elevadas de pensionistas danse en Cabana (34%), Malpica (35%), Ponteceso (34%), Zas (34%) e Coristanco (33%). Onde os pensionistas representan unha menor porcentaxe da poboación é en Carballo (23%), Corcubión (23%) e en Cee (24%). A pensión media máis alta está en Corcubión, onde se cobran 904,96€ ao mes, seguido de Cee (855,74€/mes), Muros (825,43€/mes) e Ponteceso (805,69€/mes). Por abaixo, un veciño de Santa Comba percibe unicamente 621,52€ ao mes, un de Vimianzo 632,75 e un de Mazaricos 634,75€/mes.

Peor pensión no interior

Os datos tamén aportan información importante si atendemos a actividade económica principal de cada concello. Así, os municipios do interior e agricola-gandeiros cobran pensións medias mais baixas que os da costa. En Malpica, Muros ou Fisterra se percibe mais ao mes de pensión que en Vimianzo, Zas ou Mazaricos, cunha diferencia que rolda os 100 euros por perceptor e mes. Ademais, os concellos cunha actividade industrial ou comercial como principal aporte económico perciben as pensións mais altas, en Cee, Dumbría ou Carballo por exemplo, fronte a outros onde o sector primario é a fonte principal de ingresos como en Mazaricos, Santa Comba ou Vimianzo. Caso aparte é o de Corcubión, onde o reducido número de habitantes e a existencia de varios centros de traballo da administración pública ofrece un dato medio extraordinariamente elevado para a media da zona (904,96€/mes).

A media costeira, moi por debaixo da galega

A pensión media na bisbarra no ano 2017 foi de 727,40€ ao mes, 168,84€ menos que a media galega, aproximadamente un 20% inferior a media do que se cobra como pensionista en Galicia. De feito, a pensión media na bisbarra en 2017 é inferior a que se percibía de media en Galicia... en 2011 (785,46). Por explicalo mellor, as pensión da bisbarra non chegaron aínda ao ano 2011, e suman un retraso dunha década con respecto ao resto do pais. De igual xeito, queda claro que Carballo e Cee son os concellos que menos dependen das pensións para soster a súa economía municipal mentres que Mazaricos, Malpica, Carnota, Zas ou Vimianzo depende en relación a que 1 de cada 4 euros do seu capital provén directamente das pensións que cobran os seus residentes. Esta dependencia se acentúa si aportamos tamén a esta ecuación o dato do número de empresas que se reduciu en Vimianzo case nun 3% nese mesmo período. De como cae o tecido industrial na bisbarra falaremos outro dia. Hoxe, celebremos que un ano mais a Costa da Morte se desangra sen que a ninguén lle pareza importante.

Pensionistas

Media do territorio da Costa da Morte en 2017: 727,40
Media de Galicia: - 2011: 785,46 - 2017: 896,24
Cabana
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
1421
608,34
2017
1469
651,66
Camariñas
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
1529
619,63
2017
1580
689,94
Carballo
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
6530
652,17
2017
7331
725,36
Carnota
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
1645
701,00
2017
1555
768,71
Cee
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
1754
793,47
2017
1835
855,74
Corcubión
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
374
818,69
2017
376
904,96
Coristanco
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
2104
616,05
2017
2076
680,45
Dumbría
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
999
728,61
2017
1006
802,14
Fisterra
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
1193
709,07
2017
1298
794,25
Laxe
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
865
620,58
2017
939
670,19
Malpica
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
1939
680,69
2017
1929
756,29
Mazaricos
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
1549
592,09
2017
1538
634,75
Muros
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
2585
762,99
2017
2651
825,43
Muxía
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
1455
623,23
2017
1465
678,26
Ponteceso
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
1927
724,89
2017
1922
805,69
Santa Comba
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
2916
584,12
2017
3013
621,52
Vimianzo
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
2143
594,16
2017
2223
632,75
Zas
Número de pensionistas
Importe Medio
2011
1582
586,25
2017
1580
640,23

Outros artigos de José Luís Louzán

https://quepasanacosta.gal/unha-verdade-incomoda-2/ https://quepasanacosta.gal/dias-contados/ https://quepasanacosta.gal/informe-para-evitar-o-desastre-economico-financeiro-da-costa-da-morte/ https://quepasanacosta.gal/debedas-pendentes/

Outras novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/as-pensions-de-corcubion-son-as-mais-altas-da-costa-da-morte/ https://quepasanacosta.gal/se-non-temos-xente-nova-quen-vai-cotizar-para-que-os-maiores-poidan-cobrar-as-pensions/

Comentarios