Os alcaldes de Bergantiños tamén se comprometen cos Afectados polas Preferentes

Como fixeran os alcaldes do sur da Costa da Morte o pasado mes, os 7 rexedores da comarca de Bergantiños mantiveron onte unha xuntanza cun grupo de representantes da Plataforma de Afectados polas Participacións Preferentes e obrigas Subordinadas de Bergantiños.

Un total de oito afectados expuxeron a súa situación diante do Alcalde carballés, Evencio Ferrero, que actuou como anfitrión, e dos rexedores de Cabana, Manuel Muíño; Coristanco, Antonio Pensado; Laxe, Antón Carracedo; Malpica, Eduardo Parga; A Laracha, José Manuel López Varela; e Ponteceso, José Luis Fondo.

Os afectados, lembraron ademais que continuarán coas súas mobilizacións, cada xoves, día de feira carballesa, dende as 11:00h ata as 14:00h, percorrendo as 4 oficinas bancarias de NGB e a de Bancaja.

E igual que fixeran o resto de alcaldes, adquiriron o compromiso de aprobar nos plenos das súas corporacións unha moción conxunta de apoio aos afectados, na que se lle solicita á Xunta de Galicia a que se dirixa aos distintos organismos e autoridades políticas e monetarias competentes para, no caso das comercializacións indebidas destes produtos híbridos, eliminar as quitas e evitar que se realicen trocos por outro tipo de produto financeiro que non poida ter liquidez a curto prazo ou poida supoñer perda no valor nominal dos títulos dos seus produtos; e tamén que se manteña, axilice e reforce o sistema de arbitraxe.

Precisamente nesto último fixo fincapé Xan Fernández Carrera, voceiro da plataforma, que considera que a arbitraxe é o sistema que mellor defende os seus dereitos para que poidan recuperar o seu diñeiro.

Os representantes da plataforma agradeceron a colaboración dos alcaldes para apoiar a súa causa, aínda que tamén solicitaron que as mocións se aproben o antes posible para que se presenten ante a Xunta de Galicia e de aí ante o Goberno do Estado. Todos os rexedores adquiriron o compromiso de sacalas adiante nas sesións plenarias do mes de marzo.

Novas relacionadas

Fonte