Sendeirismo con conciencia
Mestúranse estas semanas dúas actividades que demostran que unha interacción coa natureza máis sa é posible. Levamos tempo comprobando o éxito das Andainas, das xornadas nas que andar e disfrutar da paisaxe é a principal atracción, o que dá pé a instar ás administracións e ao sector hostaleiro a decatarse do produto turístico tan fantástico que temos. Só compre sinalizar ben as rutas, e promocionalas, e non temos máis que ollar como o está facendo, sen un peso, o gran Traski.
E ademais de Andainas, nesta época de primavera, é tempo de ir ás crebas. E xa foron varias as propostas que serviron para deixar un pouco máis limpo o litoral fronte a invasión dos plásticos. Un exemplo fantástico, o que deron os alumnos do Manuela Rial limpando a praia da Concha, e recollendo lixo de todo tipo. Imos repasando:
De limpeza
E comezamos por Camariñas, onde ademais dunha andaina, un grupo de bravos se volcou na xornada de limpeza do Museo de Man que propuxo a asociación Mar de Fábula. O grupo de veciños conseguiron recuperar 17 bolsas de lixo, sobre todo plásticos, dos arredores da casa de Man. Ademais, puxeron en pé o sinal que indica onde nos atopamos.
A entidade, xunto coas asociacións de veciños de Camelle, Arou e Xaviña e coa colaboración do concello de Camariñas, prepara xa unha nova sesión de limpeza, por iso insta aos voluntarios a participar nos traballos de limpeza do Cemiterio dos Ingleses este sábado día 12 de abril, con hora de encontro ás 10:30 horas da mañán (aparcamento do café-restaurante “O ARIÑO “, situado a 3 kms da saída da Ponte do Porto dirección Camariñas).
De limpeza por Lariño
Así mesmo, este sábado 12 de abril, un grupo de voluntarios xuntaranse entorno do Faro de Lariño (Porto dos Botes), en Carnota. A cita será ás 16:30h diante do Faro, para desenvolver unha xornada de retirada de lixo da zona, e unha actividade de concienciación para pequenos e maiores. Podedes obter máis información en Garabagewarriors.
De ruta con Senda Nova
Os que teñen clara esta doble necesidade-pracer son os camiñantes de Senda Nova, que veñen de estrear o o novo programa Primavera en Ruta. Esta semana pasada fixeron a Ruta das Mámoas, polas terras do Concello de Cabana, fundindo con intensidade historia, paisaxe, literatura, e respecto ao medio ambiente. Cunha bolsa houbo quen fixo a camiñada e de paso de disfrutar, deixaron algo máis limpos os sendeiros.
Esta semana volverán a saír cas botas e a bolsa, o domingo 13 de abril, polo Son do Anllóns (Bergantiños).
De ruta coas Andainas
Estreouse esta fin de semana o programa de Andainas 2014, que este curso nos levará por 8 concellos da volta. O comezo, dificilmente superable, polas terras de Camariñas, con 170 amantes da natureza disfrutando dun entorno espectacular. Fixo ademais unha mañá apacible para camiñar, a pesares da néboa que non deixou desfrutar das vistas no alto das Seisas. Foron un total de 12,6 quilómetros, polo entorno do Faro Vilán, para subir ata o alto das Seisas, e baixada ata a vila.
Así, esta fin de semana tamén teremos Andaina, o sábado 12 de abril, por Cee, cunha ruta circular de 13 quilómetros que combina os verdes dos montes co azul do mar das parroquias de Brens e Ameixenda, con saída ás 10:00 dende o lugar da Pontella. Os principais atractivos que visitarán serán o mirador de Gures e as Caneliñas, onde estivo ubicada a baleeira.
De Camiño dos Faros con Traski
Volverán aos medio millar de trasnos? Pois non é descartable. Este domingo, tras percorrer os concellos de Ponteceso e Laxe, arrincan ca 4ª etapa do Camiño dos Faros, que une Laxe e Arou. A saída será 9:00h de Arou para ir en autobús ata Laxe e comezar dende alí.
Pero ollo, que o sábado hai pre-etapa en Camelle, con charla ás 18:00 no porto co Patrón maior da confraría camellá, cun paseo pola Ruta dos Naufraxios e ata o poboado medieval de Sabadelle, e como non Traskiconcerto na Molinera.
De Ruta co Obradoiro de Emprego
E únese á febre das andainas o Obradoiro de Emprego da Comarca de Soneira, que este sábado 12 de abril artella un Roteiro polo Val de Vimianzo, guiado polos propios alumnos-traballadores do obradoiro. Serán 8.5 km de roteiro circular con saída ás 10:30 do Castelo. Xa se poden anotar, ata o venres ás 15:00h, no 981 71 62 74.
Novas relacionadas
- Un berro para limpar o Museo de Man e o Cemiterio dos Ingleses.
- Limpando praias e conciencias.
- Senda Nova segue o roteiro do sendeirismo co programa Primavera en Ruta.
- Nin a chuvia pode cuns trasnos que intentarán facer o Camiño dos Faros en 48 horas.
- As Andainas toman o relevo de Traski para vertebrar a pé a Costa da Morte.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).