Sábado. 12.10.2024
El tiempo

Solidariedade cabanesa: A libraría A Nasa de Neaño promove unha colección masiva de calzado para a III Foliada Eferro

A pequena localidade de Merza acolleu a pasada fin de semana a III edición da Foliada Eferro, un evento que se consolidou como unha festa imprescindible da cultura tradicional galega. A festa, que reuniu a centos de visitantes, emigrantes e amantes da música e das tradicións, desenvolveuse nun ambiente cálido e familiar, rodeado da maxia e creatividade da recoñecida zoqueira vangardista Elena Ferro e da súa familia.
Doazon de zapatos na foliada de Elena Ferro
Solidariedade cabanesa: A libraría A Nasa de Neaño promove unha colección masiva de calzado para a III Foliada Eferro

Dende primeira hora da mañá, o lugar de Merza encheuse de vida. A combinación de música en directo, gastronomía tradicional, artesanía e actividades solidarias, sumadas á paixón dos asistentes, fixeron que esta terceira edición da Foliada se convertese nunha xornada inesquecible. Un dos principais atractivos do evento foi a actuación dun nutrido e talentoso elenco de artistas da escena galega. As Fabulosas, Fillas de Cassandra, Viravolta Títeres, As Rumorosas, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Os Carunchos e Lupe e Caruncho coa súa famosa regueifa fixeron as delicias dos asistentes con música, baile e tradición. Ademais, a presenza de recoñecidos artistas como Quempallou, Leilía ou o popular humorista galego Touriñán puxeron o broche de ouro a unha xornada chea de risas, música e conexión cultural.

Foliada de Elena Ferro en Merza

O acto tivo un significado especial porque se celebrou arredor da figura de Elena Ferro, unha zoqueira que levou a un nivel vangardista este oficio tradicional galego, fusionando tradición coa modernidade. Elena e a súa familia abriron as portas da súa casa para compartir esta celebración con todos os asistentes, convertendo a Foliada nunha verdadeira romaría de amizade e cariño. Os visitantes non só gozaron do talento artístico, senón tamén da hospitalidade da familia Ferro, que dotou ao evento dun ambiente próximo e acolledor.

A ilusión e o entusiamos dos organizadores foi palpable durante toda a xornada, conseguindo crear un ambiente no que todos, dende nenos ata maiores, se sentían parte de algo especial.

Como non podía ser doutro xeito, a gastronomía galega foi tamén a protagonista indiscutible da xornada. Os asistentes gozaron dalgúns dos produtos máis emblemáticos da comarca, destacando a colaboración de Deleite, marca galega de leite e queixos que sempre participa nas celebracións dentro e fóra de Galicia. Deleite ofreceu degustacións dos seus produtos, que tiveron unha gran acollida por parte do público, destacando o valor do local e o orgullo dos produtos locais. Por suposto, non faltou a cervexa estrela de Galicia, Estrella Galicia, que acompañou co seu inconfundible sabor as múltiples actividades e concertos, aportando frescura nun día cheo de sol e alegría.

Un dos pratos fortes da xornada foi a iniciativa solidaria organizada na Foliada. Creouse unha sección especial para a doazón de calzado, que posteriormente se repartirá entre as familias necesitadas. Esta acción non só amosou o compromiso dos organizadores coa comunidade senón que serviu para unir aínda máis aos asistentes arredor dun obxectivo común: axudar aos que máis o necesitan. As doazóns, realizadas con gran xenerosidade polos participantes, foron o reflexo do profundo sentimento solidario que sempre caracterizou ao pobo galego, sobre todo nos tempos difíciles. Cabana de Bergantiños amosou un gran compromiso coa recollida solidaria de calzado por unha boa causa. Dende a libraría A Nasa de Neaño, xestionada por Prudencia Rodríguez, lanzouse unha convocatoria de colaboración veciñal, converténdose no principal punto de recollida. A solidariedade de persoas como Ramón, Lorena e a súa nai foi clave para acadar unha impresionante suma de zapatos que entregou a tamén cabanesa Alejandra Plaza, destacando o espírito comunitario e solidario da Costa da Morte.

Prudencia da Libraria A Nasa de Cabana
Prudencia da Libraria A Nasa de Cabana

A 3ª Eferro Foliada foi, sen dúbida, un día máxico e un día para lembrar. Música, tradición, solidariedade e hostalería uníronse para crear unha experiencia que os asistentes non esquecerán facilmente. A familia de Elena Ferro e o seu equipo de colaboradores lograron, un ano máis, que esta festa se converta nun referente en Merza e na celebración da cultura galega, demostrando que as tradicións, cando se celebran con cariño e ilusión, poden ser unha fonte inesgotable de alegría e convivencia. .

A combinación da música tradicional coa modernidade, a inclusión de artistas recoñecidos e o ambiente de irmandade que se viviu en Merza fixeron desta Foliada un éxito rotundo. Non cabe dúbida de que a Foliada Eferro seguirá medrando en vindeiras edicións, levando consigo o espírito da cultura galega, non só aos recunchos de Galicia, senón tamén a aqueles galegos espallados polo mundo que seguen conectados á súa terra a través destas celebracións.

Alejandra Plaza e Elena Ferro
Alejandra Plaza con Elena Ferro

 

Máis novas de Alejandra Plaza

 

Comentarios